Cursos de dixitalización para perderlles o medo ás novas tecnoloxías
Cursos de dixitalización para perderlles o medo ás novas tecnoloxías
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ofrece cursos para toda a cidadanía
Sexa para pedir cita no médico, conseguir un traballo ou manexar cartos, cada vez depéndese máis das novas tecnoloxías. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a través de cursos de formación, trata de achegar estes novos coñecementos á sociedade, sen deixar atrás as persoas con máis dificultades, como a xente maior.
"Axudámoslles, acompañámolos, a que saiban como entrar nesas aplicacións e desenvolverse en determinados ámbitos. Por exemplo, como pedir unha cita no Sergas, como lanzar a declaración da renda e demais", explica Miguel Rodríguez, director da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA.
A través das aulas CeMIT, de modernización e inclusión tecnolóxica, a cidadanía pode aprender os usos prácticos da realidade virtual, dunha impresora de tres dimensións, ou para que serve un dron.
A maior parte do alumnado que se forma deste xeito son mulleres, un 60 %, e xa por idades destacan dous colectivos.
"Estamos experimentando un incremento en persoas de máis de cincuenta e cinco anos, e tamén, curiosamente, en nenos e nenas, seguramente por termos este equipamento diferencial: impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual", comenta o director de Sociedade Dixital da AMTEGA.
Agora unhas 120.000 persoas están apuntadas nestes cursos de inclusión tecnolóxica, aínda que os organizadores pretenden conseguir cen mil máis nos vindeiros anos. É que a revolución dixital xa non ten volta atrás.