Revitalizar o rural galego cun proxecto que forma persoas migrantes
Revitalizar o rural galego cun proxecto que forma persoas migrantes
A ONG Ecos do Sur colabora coas granxas da cooperativa leiteira CLUN
Os nove alumnos viven no rural de Ourol, Muras e Xermade durante tres meses
Proceden do Brasil, Colombia, Venezuela e Marrocos
Na súa Venezuela natal, a Vanessa xa lle encantaban de sempre os animais. Leva ano e medio en Galicia e, desde setembro, grazas ao curso de Ecos do Sur está a descubrir a súa vocación gandeira nesta granxa de Xermade, integrada na cooperativa leiteira CLUN que achega tamén os técnicos que imparten as clases teóricas.
Conta que xa postulara a outros cursos pero ao non ter documentación non puido facelos. Pero con esta formación, xa ten plans de futuro.
"Gustaríame seguir preparándome para veterinaria".
O curso de gandería de leite ten dúas alumnas e sete alumnos do Brasil, Colombia, Marrocos e Venezuela, repartidos nas granxas colaboradoras dos concellos de Ourol, Muras e Xermade. Todos cumpren o requisito fundamental do curso que explica Brais Pérez, coordinador do proxecto Habital Rural da ONG Ecos do Sur.
"En cada edición estamos a ter un cento de solicitudes. O requisito fundamental é que queiran vivir e ter a súa vida no rural".
Guadalupe Prado é a copropietaria da granxa Arealba SC de Santaballa, unha das que colaboran no proxecto con entusiasmo ante a falta de man de obra no rural.
"É unha oportunidade, para nós que demandamos xente que traballe, e para eles para inserilos a unha vida laboral".
Durante os tres meses de formación, comparten casas alugadas pola oenegué e financiadas polos concellos, Xunta, ministerio e mais a fundación A Caixa. Brais Pérez fai un chamamento para que a veciñanza do agro galego poña as súas casas ou pisos no mercado de alugueiro para facilitarlles aos alumnos o acceso á vivenda.
"Hai moi pouquiño alugueiro no rural".
En tres anos de cursos, a acollida local e o intercambio cultural é máis ca satisfatorio cunha acollida local calorosa e unha inserción na vida rural case absoluta por parte dos alumnos que, na súa maioría nestes tres anos, conseguiron emprego.
Guadalupe, procedente de familia de emigrantes, teno moi claro.
"Eles necesitaban de nós cando emigramos, e nós necesitamos desta xente porque o agro está sufrindo unha desfeita".
Nun agro que esmorece, cada vez hai máis ganderías interesadas en participar no proxecto Habita Rural e máis solicitudes de usuarios que queren vivir no rural.