A Ribeira Sacra consolídase como destino turístico de cara a esta Semana Santa
O sector turítico recupera a normalidade e xa hai o dobre de reservas que o ano pasado
A ocupación roza xa o 90 % e as casas de turismo rural e aloxamentos turísticos están entre o 91 e o 98 % de ocupación
A Ribeira Sacra nas provincias de Lugo e Ourense é un dos destinos preferidos para pasar estes días festivos
Achégase a Semana Santa e a Ribeira Sacra, nas provincias de Lugo e Ourense, consolídase como un dos destinos máis demandados nestas datas en Galicia.
As previsións din que son moi boas e confirman a ansiada volta á normalidade do sector turístico. Agardan duplicar as cifras de ocupación en hoteis e casas rurais, que xa están entre o 91 e 98 % da súa capacidade.
Nas casas de turismo rural e hoteis da Ribeira Sacra andan estes días atarefados arranxando todo para recibir os visitantes.
"Estamos moi contentos, a Semana Santa está xa completa, pero hai algúns oquiños as semanas previas", asegura Iria García, a encargada do Hotel Boutique La Churra.
As previsións son moi optimistas, agardan o dobre de reservas que o ano pasado.
"Recuperamos a normalidade, podémolo afirmar se as cifras que manexamos a día de hoxe se confirman así será. Temos un 88 de ocupación de media, na totalidade de días e en todos os aloxamentos. Destaca o turismo rural e as moi demandadas vivendas turísticas, que están entre un 91-98% de ocupación", afirma Alexandra Seara, a xerente do Consorcio de turismo da Ribeira Seara.
Moitos aloxamentos turísticos xa están practicamente completos.
Un destino cunha paisaxe espectacular entre o Miño e o Sil, nas provincias Lugo e Ourense e cunha ampla oferta de actividades para todas as idades.
"Toda a oferta está xa dispoñible, rutas fluviais, sendo a actividade máis demandada, as visitas ás adegas, aos mosteiros aos museos...", di a xerente do Consocio de Turismo da Ribeira Sacra.
"Este destino é precioso, teno todo para visitar", apunta a encargada do Hotel Boutique La Churra, situado no concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo.
Unha volta á normalidade que consolida a Ribeira Sacra como un dos lugares máis demandados para gozar destes vindeiros días festivos no interior do país.