A Seguridade Social supera por primeira vez a barreira dos 21 millóns de afiliados
A Seguridade Social supera por primeira vez a barreira dos 21 millóns de afiliados
A Seguridade Social sumou 199.538 ocupados no mes, mentres que o paro se reduciu ata os 2,66 millóns de persoas, a cifra máis baixa desde setembro de 2008
Galicia suma 6.740 empregos e reduciu o paro en 2.677 persoas
A Seguridade Social rompeu en abril por primeira vez a barreira dos 21 millóns de afiliados tras sumar 199.538 ocupados no mes, mentres que o paro se reduciu ata os 2,66 millóns de persoas, a cifra máis baixa dende setembro de 2008.
Segundo os datos facilitados este luns polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, o emprego, que se situou en 21.101.505 afiliados de media, subiu especialmente en abril na hostalería, con 91.913 ocupados máis
En canto ao desemprego, o paro rexistrado descendeu en 60.503 persoas, especialmente nos servizos, con 42.067 parados menos, segundo datos del Ministerio de Traballo.
No conxunto de España creáronse 486.516 empregos nos últimos doce meses, un 2,36 %; mentres que o paro caeu en 121.870 persoas, un 4,37 %.
No Goberno falan de datos históricos e din que demostran a eficacia das súas políticas.
Galicia suma 6.740 empregos e reduciu o paro en 2.677 persoas
Galicia sumou 6.740 empregos o pasado mes de abril, un 0,63 % máis que o mes anterior, co que alcanza 1.068.335 traballadores rexistrados na Seguridade Social, e ademais reduciu o paro en 2.677 persoas, un 2,08 %, ata os 126.334 desempregados.
En relación ao último ano, Galicia creou 18.020 empregos, un 1,72 % máis, e reduciu o seu desemprego en 13.009 persoas, un 9,34 %.
O maior volume de parados concéntrase no sector servizos, con 89.976, seguido pola industria, con 12.448, e o colectivo sen emprego anterior, que rexistra 11.425 desempregados. En abril, o paro caeu principalmente no sector servizos, con 1.814 desempregados menos do total de 2.677 na comunidade autónoma.
Durante o pasado mes asináronse en Galicia 56.455 contratos, 6.517 máis que o mes anterior (13 %), dos que 37.455 foron temporais (66,3 %) e o resto, 19.000, foron indefinidos (33,6 %). En abril, ademais, 84.242 persoas recibiron na comunidade autónoma algún tipo de prestación por desemprego, por importe medio de 942,7 euros, e un desembolso total de 92,4 millóns de euros.
Na Xunta destacan que estamos ante a cifra de paro máis baixa en Galicia dende que hai rexistros.