Publicador de contidos
Publicador de contidos

A selección española de balonmán faise co bronce ante Eslovenia

A selección española de balonmán faise co bronce ante Eslovenia

Os de Jordi Ribera venceron os balcánicos por un só tanto, 23-22

Foto:Reuters Foto:Reuters
G24.gal 11/08/2024 10:42 Última actualización 11/08/2024 20:42

A selección masculina de balonmán venceu a Eslovenia por 23-22 no partido polo bronce olímpico ao que chegou trala agónica derrota ante Alemaña. O gardameta Gonzalo Pérez de Vagas volveu ser clave con ata nove paradas, acompañado na ofensiva por un gran Aleix Gómez que saíu mancado do encontro. 

O equipo de balonmán masculino onde milita o cangués Rodrigo Corrales tivo que tirar de sangue, suor e bágoas para conseguir o prezado bronce nestes xogos olímpicos. Rematou o campionato como o comezou, enfrontándose a Eslovenia a primeira hora da mañá. O sangue e a suor viñeron por parte de todo o equipo, un grupo compacto e cunha gran competitividade que quixo vingarse da decepción que supuxo a derrota ante os xermánicos que lles negou a posibilidade de acceder á súa primeira final olímpica da súa historia. Coa mente nese partido, nesta ocasión non deixaron escapar o máis mínimo ao equipo rival, e o ritmo do partido foi alto mentres cada equipo golpeaba en cadansúa ocasión para poñerse por diante ou poñer as táboas. 

A actuación ofensiva de España foi moi coral, cos tantos repartidos entre moitos xogadores. Os cinco de Aleix Gómez, catro de Agustín Casado ou tres de Jorge Maqueda. Pola súa banda tamén estivo moi presente, como leva ocorrendo durante toda a competición, o muro na portería que é Gonzalo Pérez de Vargas. O gardameta realizou ata nove paradas que foron clave para soster a Eslovenia no marcador. 

As bágoas, como apunte negativo, viñeron de parte de Aleix García, peza clave neste combinado que saíu mancado do partido. Haberá que esperar ás probas médicas para ditaminar o alcance da mancadura. 

Medalla para esta selección española de balonmán e para o galego Rodrigo Corrales.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade