O Porriño clasifícase con autoridade para a seguinte rolda europea (34-16)
O Porriño clasifícase con autoridade para a seguinte rolda europea (34-16)
As galegas fixeron valer a malleira do partido de ida contra o Brixen
Disputarán os 1/16 da EHF European Cup en novembro
O partido de volta da eliminatoria de 1/32 de final da European Cup entre o Conservas Orbe Zendal Porriño e o Brixen Sudtirol italiano chegaba algo descafeinado despois da superioridade amosada polas porriñesas no partido de ida, que se disputou o venres tamén no Municipal. O 36-21 co que afrontaban a volta permitiulles xogar con toda a tranquilidade, e as de Isma Martínez non deron ningunha opción para a sorpresa.
Logo do empate a dous inicial, as locais colocaron un parcial de 3-0 para coller a iniciativa no marcador, que xa non deixaron no resto do encontro. Ao descanso chegouse a 14-8, e na segunda metade a renda seguiu medrando ata o 34-16 final.
Mica Casasola volveu levar o peso anotador das súas, con 6 goles. Malena Vallés achegou 4, e destacou a xuvenil Iria Benaches, que marcou 2 tantos aos seus 17 anos.
A seguinte eliminatoria disputarase na segunda semana do vindeiro mes de novembro.