Derrota do Porriño en Málaga antes de comezar a aventura en Turquía
Derrota do Porriño en Málaga antes de comezar a aventura en Turquía
O equipo galego desfondouse nos últimos dez minutos, nos que recibiu un parcial de 7-2 (26-21)
O Conservas Orbe Zendal Porriño perdeu na pista do líder, o Málaga Costa del Sol, por 26-21. Foi o encontro antes de comezar a aventura en Turquía, onde afrontarán a segunda eliminatoria da competición europea.
No caso de gañaren en Málaga, as porriñesas podían colocarse como primeiras da Liga Iberdrola. O partido comezou igualado (10-9), pero un 6-2 permitiulles ás locais abrir unha boa distancia no descanso (16-11). O Porriño meteuse no partido cunha serie de inicio de 0-3 e conseguiu igualar (19-19) a dez minutos do final.
Nese momento decisivo apareceu a internacional Merche Castellanos na portería do Málaga e a efectividade de Patricia Lima en ataque. O parcial final foi de 7-2 para que o triunfo quedase na casa.