Notifican tres mortos por covid nunha xornada en que Galicia supera as 8.000 infeccións
Galicia rexistra 947 novos contaxios, (+143) e 8.204 casos activos, (+643)
Medra a presión asistencial con 223 ingresados, (+18)
A taxa de positividade sitúase nun 11 %
En pleno impacto da sexta vaga da pandemia co seu agravamento Sanidade informa do falecemento de tres persoas diagnosticadas por coronavirus en Galicia nas últimas 48 horas.
Trátase dun home de 73 anos que morreu o día 4 no Hospital de Ourense, e o dun home de 88 anos tamén no mesmo hospital e unha muller de 93 anos neste caso ingresada no provincial de Pontevedra que morrían este domingo día 5. Así a cifra de vítimas mortais da pandemia en Galicia elévase a 2681 persoas.
As cifras sobre a incidencia da pandemia de coronavirus en Galicia deixan pouco espazo ao optimismo en plena ponte de decembro e con días por diante con previsión de aglomeracións.
Os datos seguen a tendencia negativa das últimas datas e xa se superan as 8.000 infeccións activas na comunidade con 8.204 persoas co virus, que son 643 máis que 24 horas antes con datos das 18 horas do sábado.
Os positivos diarios detectados nas probas xa se aproximan ao milleiro e na última xornada diagnosticáronse 947 contaxios, que son 143 máis que a xornada previa. A taxa de positividade das probas increméntase ata o 11,2 %.
E a todo isto súmase que medra de xeito preocupante a presión asistencial nas últimas horas. Son 223 as persoas que precisan atención hospitalaria, (+18), cun notable incremento de ingresos en planta en habitación illada con 188 enfermos, (+19), aínda que son 35 as persoas que permanecen nas UCI, neste caso un doente menos. Son 109 máis que hai sete días.
Situación por áreas sanitarias
Segue a preocupar a situación en Vigo e Ourense con especial vixilancia das autoridades sanitarias. En Vigo xa son case 2.500 as persoas con covid e Ourense supera xa as 2.000 infeccións. Contan con máis da metade dos casos activos en Galicia. Vigo chega a un novo máximo de 360 contaxios nun só día, cun preocupante 14,37 % de positividade nas probas PCR. En Ourense son 194 contaxios en 24 horas.
Só na área de Ferrol seguen a ter libres de enfermos ás UCI covid, e en Vigo son 14 os que precisan atención en agudos.
Os casos activos por áreas son:
Vigo: 2449 (+268)
Ourense: 2.041 (+115)
A Coruña: 1.137 (+84)
Pontevedra: 954 (+88)
Lugo: 645 (+26)
Santiago: 595 (+22)
Ferrol : 383 (+40)