A solidez do Numancia imponse en Abegondo (0-2)
Dous goles de Dieste déronlle o triunfo diante dun Fabril que apenas tivo ocasións malia xogar en superioridade durante media hora
O Numancia gañou en Abegondo (0-2) e demostrou a súa condición de líder da Segunda Federación. O equipo soriano aguantou mesmo xogando con dez durante máis de media hora, tempo no que o Fabril apenas xerou perigo.
Saíu o Numancia dominando o partido e impoñendo a súa fortaleza física. O Fabril gozou dalgún achegamento na primeira parte cun remate de Marotías como mellor opción pero o que se adiantou foi o líder da categoría nunha xogada a balón parado que acabou rematando Dieste.
A segunda parte comezou do mesmo xeito. Un córner foi prolongado por Moustapha e rematado na mesma liña polo dianteiro centro Dieste. Na seguinte acción o Numancia quedou con dez por expulsión de David Sanz pero o equipo visitante soubo xuntarse sen conceder ocasións. A mellor tívoa o dianteiro Nsongo pero o seu remate marchou desviado.