A suba do prezo das filloas non frea a súa demanda en época de Entroido
Unha receita sinxela a base de fariña e ovo con auga, leite caldo, pero que require horas de traballo diante da filloeira. "Nós facémolas coa receita radicional co caldo de ósos de carne de porco tal e como as facía a miña avoa", explica María Rodríguez da Panadería Carnoedo.
Como doce de sobremesa, para o almorzo ou ben acompañando a calquera prato salgado. Na mesa a filloa é versátil e no padal segue a sorprender.
Desde fai semanas están á venda nas panaderías onde rexistraron unha suba de prezo. Imposible atopalas a menos dun euro a unidade. O dobre ou máis se se queren con recheo. "Nós témolas desde 1,20 euros ata 2,10 euros. Este último prezo é para as recheas. E si é certo que subiron un pouco", apunta Elis Coro, dependenta da panadería Tahona. María, da panadería Carnoedo, di que "o ano pasado a ducia estaba a 10 euros e agora temos a 12 euros a ducia, é dicir, a un euro a unidade".
Unha suba de prezo que non está a frear a demanda. O encarecemento das materias primas como a fariña ou os ovos e tamén o butano que se emprega no proceso de elaboración das filloas explica en boa parte a suba de prezos. Unha suba que non está a frear a demanda. "Empezamos a vender a finais de xaneiro para dar xa un ambiente de Entroido e animar a clientela e a verdade que gustaron moito", din desde a Tahona.
Filloas que comparten estes días protagonismo nos escaparates con outro dos pratos estrela do Entroido: as orellas.