A UE acorda iniciar o proceso de adhesión de Ucraína, Moldova e Xeorxia
A UE acorda iniciar o proceso de adhesión de Ucraína, Moldova e Xeorxia
Os tres países deberán ser avaliados para ver se reciben o status de Estado candidato
Os países da Unión Europea acordaron este luns iniciar o proceso para que Ucraína, Moldova e Xeorxia se poidan converter, nun futuro, en membros do club comunitario, tras a petición que estes tres países fixeron a Bruxelas a semana pasada.
Segundo informou a presidencia francesa da Unión na súa conta oficial de Twitter, os Vinte e sete pediron hoxe á Comisión que dea o primeiro paso nese camiño e elabore o informe necesario para decidir se os países da UE conceden a Ucraína, Moldova e Xeorxia o status de país candidato.
🔴Accord du #COREPERII pour inviter la @EU_Commission à présenter un avis sur chacune des demandes d’adhésion à l’UE présentées par l’Ukraine, la Géorgie et la Moldavie. 1/2 ⤵️ pic.twitter.com/i1lj41UNzW
— Présidence française du Conseil de l’UE 🇫🇷🇪🇺 (@Europe2022FR) March 7, 2022
"Acordo para convidar a Comisión Europea a presentar unha opinión sobre cada unha das solicitudes de adhesión á UE presentadas por Ucraína, Xeorxia e Moldova", sinalou o chío, tras unha reunión dos embaixadores dos Vinte e sete ante as institucións comunitarias en que analizaron a cuestión.
O presidente de Ucraína Volodimir Zelenski asinou a petición de adhesión á UE a semana pasada, como parte da resposta á invasión que Rusia iniciou o 24 de febreiro. Facía nese momento un chamamento para que, mediante un procedemento especial, Ucraína puidese ser membro da UE. Moldova e Xeorxia seguiron os seus pasos a seguir, ante o temor a Moscova.
O Executivo comunitario ten que elaborar agora ese informe en que avaliará se Kiev, Chișinău e Tbilisi cumpren os criterios para converterse en países candidatos a entrar na UE. Entre eses requisitos están o respecto aos valores fundamentais da Unión, a existencia de institucións estables que garantan a democracia e unha economía de mercado.
Cando Bruxelas termine a súa avaliación, que é tan só o primeiro paso do proceso que previsiblemente durará anos, os países da UE deberán aprobalo por unanimidade e só para daquela poderían empezar as negociacións de adhesión.