A UE anuncia novas sancións a Rusia e dobra a axuda militar a Ucraína
A UE anuncia novas sancións a Rusia e dobra a axuda militar a Ucraína
A nova medida busca illar aínda máis a Rusia da economía mundial
Os 27 aumentan ata 1.000 millóns de euros a súa axuda militar a Ucraína
A UE prepara medidas para limitar os prezos da electricidade
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou este venres que o bloque comunitario decidirá un cuarto paquete de sancións contra Rusia que se detallarán nas vindeiras horas en coordinación co G7.
"Imos aplicar un cuarto paquete de sancións que permitirá illar máis a Rusia da economía mundial", subliñou Von der Leyen tras a xuntanza de líderes europeos de Versalles.
A UE aumenta a axuda militar a Ucraína
A Unión Europea anunciou tamén que dobrará a cantidade que destinará para mercar material militar en apoio a Ucraína, ata acadar 1.000 millóns de euros.
Os 27 apoiaron unha proposta do alto representante para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, no cumio informal de xefes de Estado e Goberno comunitarios de Versalles.
"Todo o mundo é completamente consciente de que temos que incrementar o noso apoio militar a Ucraína para engadir presión sobre Rusia", subliñou Josep Borrell.
Esta guerra activa por primeira vez o Fondo Europeo en Apoio da Paz, inicialmente con 500 millóns de euros para mercar material militar en apoio a Ucraína. A decisión ten que ser aprobada formalmente pola UE.
"Países que ata agora tiñan unha postura de neutralidade como Suecia, decidiron participar neste apoio a Ucraína", engadiu o presidente francés Emmanuel Macron.
Putin advirte que a máis sancións, máis encarecemento dos alimentos
Os prezos globais dos alimentos aumentarán aínda máis se as nacións occidentais intensifican a presión económica sobre Rusia, un importante produtor mundial de fertilizantes e graos, segundo comentou o presidente Vladimir Putin.
"Rusia e Belarús son uns dos maiores provedores de fertilizantes minerais do mundo. Se continúan xerando problemas no financiamento e a loxística do envío dos nosos bens, os prezos medrarán e afectará aínda máis os alimentos" asegurou Putin.
O ministro de Agricultura ruso, Dmitry Patrushev, salientou nunha xuntanza gubernamental presidida por Putin, que a seguridade alimentaria do país está garantida e que Moscú seguirá cumprindo coas súas obrigas de exportación para os mercados agrícolas mundiais.
"Os seus prezos están aumentado, pero non é a nosa culpa. É o resultado dos seus propios cálculos erróneos. Non hai necesidade de culparnos", engadiu o presidente ruso.