A UE prepara medidas para limitar os prezos da electricidade
A UE prepara medidas para limitar os prezos da electricidade
Sánchez prepara unha xira para conseguir apoios doutros líderes
Os 27 duplican a axuda militar a Ucraína
A limitación dos prezos da electricidade xa non é tabú entre os 27. No cumio de Versalles, os líderes europeos encargáronlle á presidenta da Comisión que leve propostas neste sentido ao próximo encontro a finais deste mes.
Ata entón, o presidente español buscará novos aliados a unha proposta que leva defendendo 6 meses sen éxito.
Pedro Sánchez anunciou "unha xira por distintos países europeos para falar cos distintos líderes e que poidamos aunar entre todos unha proposta que free esta escalada absolutamente irracional dos prezos da electricidade".
Ademais, os 27 discutiron a proposta de Ursula Von der Leyen de reducir este ano en dous terzos as compras de gas ruso. Para facelo, xa traballan na busca de novos provedores e perfílase un plan masivo de investimentos en renovables.
Alemaña avoga por ir amodo, pero o francés Macron non desbota a prohibición total de gas e petróleo ruso se Moscova intensifica os bombardeos.
Antes, a Unión prepara xa o cuarto paquete de sancións para aillar aínda máis a Rusia do sistema económico global, explicaba a presidenta da Comisión. Von der Leyen non desvelou os detalles en busca do efecto sorpresa.
Ademais, os 27 duplican a súa implicación na guerra con 500 millóns máis, anunciaba Josep Borrell, para seguir armando a resistencia ucraína.