A UE segue dividida sobre os límites ao gas
A UE segue dividida sobre os límites ao gas
A Comisión cifra en 13.000 millóns o aforro por estender a "excepción ibérica"
Alerta de que a medida podería beneficiar a países extracomunitarios
O acordo de mínimos alcanzado a semana pasada entre os líderes europeos para abaratar o prezo do gas facía augurar resultados máis concretos na xuntanza dos responsables de enerxía. Pero as diferenzas persisten.
Alemaña e os Países Baixos cren que limitar os prezos podería pór en perigo a subministración dese hidrocarburo.
Tampouco convence a extensión aos 27 da excepción ibérica, é dicir, o límite ao prezo do gas que se usa para producir electricidade.
Un informe da Comisión di que permitiría aforrar 13.000 millóns de euros en toda a Unión, pero en países con alta porcentaxe de gas no seu mix enerxético, como Alemaña ou Italia, o impacto sería case nulo.
Ademais, o documento alerta do risco de exportar esa enerxía barata a países extracomunitarios, como Suíza, o Reino Unido ou Turquía.
A solución pasaría por fixar un prezo interior e outro exterior ou acordar con eses países que tamén se sumen á medida.
Máis consenso concita a compra conxunta do 15 % das reservas de gas dos estados ou o novo sistema de fixación de prezos, que podería estar listo en abril. Os 27 esperan que algunhas destas medidas se concreten no consello do 24 de novembro.