A UE trata de pechar este martes as cotas de pesca para 2024
A UE trata de pechar este martes as cotas de pesca para 2024
Os acordos previos co Reino Unido e Noruega clarifican as posibilidades de pechar o pacto en augas do Atlántico
O principal atranco para acadar un acordo está na intención de reducir un 9,5 % o esforzo pesqueiro no Mediterráneo
Os ministros de Pesca da Unión Europea (UE) están reunidos en Bruxelas desde primeiras horas deste martes para tratar de pechar o acordo sobre as cotas de pesca en augas do Atlántico e o Mediterráneo para 2024, logo de dous días de intensas xuntanzas.
Nestes momentos o que parece complicar o acordo son as reclamacións de Francia e Italia sorbre o esforzo pesqueiro (días no mar) no Mediterráneo, que se pretendía reducir nun 9,5 %, e que España trataba de mitigar.
Fontes do Ministerio español de Agricultura e Pesca sinalaron que o Mediterráneo é un elemento de preocupación para España porque a esa proposta é difícil de asumir para o sector español, así como tampouco é asumible para Francia e Italia.
Obxectivos de pesca no Atlántico
Pero no caso de España, que nesta ocasión exerce o seu papel de presidencia do Consello, tamén hai prioridades noutras augas, as do Atlántico, que son as que afectan a frota galega, e nas que se pretende un incremento da pescada sur, o peixe sapo ou o rapante, así como o mantemento das cotas de abadexo, linguado e lagostino.
Moitas desas especies de interese para Galicia xa se acordaron nos pactos alcanzados o venres entre a UE e o Reino Unido e Noruega.
O acordo co Reino Unido abarca 85 totais admisibles de capturas no Atlántico nororiental e garante unhas posibilidades de pesca de case 388.000 toneladas para a frota da UE.
Ademais, un acordo trilateral entre a UE, Noruega e o Reino Unido sobre as poboacións de peixe xestionadas conxuntamente no Mar do Norte para 2024 establece un total admisible de capturas de máis de 915.000 toneladas, que cobre unha cota da UE de case 415.000 toneladas de bacallau, fogueiro, carboeiro, merlán, solla e arenque.
Por último, a UE e Noruega celebraron consultas bilaterais para as poboacións compartidas do Mar do Norte e Skagerrak, así como intercambios de cotas.