Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Unión Europea prohibe algúns compoñentes empregados nos afumados artificiais

A Unión Europea prohibe algúns compoñentes empregados nos afumados artificiais

A industria ten unha moratoria de cinco anos para adaptarse

Non afecta aos produtos afumados de xeito natural coma chourizos ou queixos

G24.gal 20/06/2024 14:03

A Unión Europea decidiu prohibir o uso de aditivos que proporcionan sabor afumado aos alimentos, xa que hai estudos que alertan da súa toxicidade e como posible factor canceríxeno. Afecta a moitos aperitivos procesados, salsas barbacoa e mesmo algunha sopa, pero quedan fóra deste veto os produtos alimentarios curados a través de procesos naturais, como é o caso dos nosos embutidos e queixos.

Por máis que busquemos no lineal, dentro de pouco poida que non atopemos produtos afumados que hoxe son de consumo habitual. Poderán desaparecer ou seguir á venda, aínda que modificando a súa composición. A Unión Europea dá un prazo de cinco anos á industria para que elimine os compoñentes potencialmente prexudiciais que proporcionan o sabor afumado.

Unha medida preventiva que se adopta ante a sospeita da posible xenotoxicidade dalgúns compoñentes dos afumados artificiais que poderían ser canceríxenos.  Manuel Vázquez Vázquez, catedrático de Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Veterinaria da USC, cóntanos que non é seguro que estes elementos provoquen cáncer pero por seguridade vanse eliminar dos produtos procesados coma aperitivos ou snacks que conteñen eses produtos químicos adicionados. "Non ten nada que ver cos alimentos afumados".

Non afecta polo tanto a produtos tan coñecidos coma o San Simón da Costa, afumado con codia de bidueiro, ou os nosos chourizos e embutidos, curados de xeito tradicional.  Marta Varela, responsable de Calidade de Torre de Núñez di que nesta empresa non traballan con aromas de fume. "Os afumados que se fan aquí, principalmente os chourizos, fanse con madeira de carballo que ademais de proporcionar o aroma axudan na curación do produto".

A retirada destes produtos será progresiva, dando tempo aos fabricantes a adaptarse ao novo regulamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade