Publicador de contidos
Publicador de contidos

A USC busca alternativas para avaliar os alumnos corentenados por covid

A USC busca alternativas para avaliar os alumnos corentenados por covid

Aposta por buscar unha data máis adiante para todos os que agora non se poden presentar e facer estas probas tamén presenciais

As clases retomaranse o 4 de febreiro, cos protocolos adaptados á situación sanitaria do momento

G24.gal 10/01/2022 11:47

Este luns comezan os exames na universidade, marcados pola suba de contaxios por covid, entre profesorado e alumnado. A Universidade estuda opcións para que eses estudantes que agora non se poden examinar, poidan facelo máis adiante.

Antonio López, reitor da USC, falou na Radio Galega sobre como afronta esta situación a Universidade de Compostela.

Á falta de cifras exactas do número de baixas, manifesta o reitor que na USC recibiron numerosas comunicacións de positivos por covid nesta última fin de semana.

Sobre o procedemento que se debe seguir, salienta que o primeiro paso para comunicar un positivo é chamar á Oficina Covid, que será a encargada de informar tanto os centros como os docentes.

Unha vez coñecidos os casos, profesores e alumnos afectados acordarán unha alternativa para realizar as probas que nestes momentos non se poden levar a cabo. En referencia a estes exames, apunta Antonio López:

"Con carácter xeral, as probas van ser presenciais, e en principio as alternativas tamén, agás que profesor e alumno busquen outra solución, por exemplo, telemática, se a proba o permite, como no caso dun exame oral".

Respecto ás datas de realización das probas, manifesta o reitor que se é posible, eses novos exames terán lugar o mesmo día, buscando unha data que poda acoller todos os alumnos que están hoxe en corentena. 

"O importante é garantir, en todo caso, o dereito das persoas afectadas por covid a seren examinadas".

O reinicio das clases terá lugar o 4 de febreiro. Na USC estarán pendentes da evolución da pandemia para adaptar as guías docentes á situación sanitaria e ó que digan as autoridades nese momento. 

Única candidatura USC

Pechado o prazo de presentación de candidaturas, a de Antonio López será a única que opte á Reitoría da USC nas eleccións previstas para o próximo 23 de febreiro. 

A falla de oficializar esa reelección, Antonio López aposta para os próximos anos polo relevo xeracional, a consecución dos plans de Infraestruturas con proxectos como a Cidade da Saúde así como o deseño dun gran plan de dixitalización da USC, tanto na administración como na docencia e investigación. 

Retos para Subirats

O reitor da USC ve na LOSU o gran reto que ten por diante o recentemente estreado ministro de Universidades, unha lei que afecta ámbitos tan importantes como o persoal, pero tamén a estruturación da investigación universitaria, máxime despois da reforma laboral, que incide notablemente na actividade investigadora, polo tipo de contratos que se realizan, apunta.  
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade