A venda anticipada de billetes de tren dende Galicia só está dispoñible ata o 22 de abril
Usuarios do ferrocarril expresan as súas queixas por non poder reservar viaxes
As políticas de venda anticipada de Renfe non son as mesmas en todo o Estado, e Galicia é unha das comunidades máis prexudicadas.
"Non ten ningún sentido porque se Renfe está para toda España debería ser igual en todos os sitios"; "É unha discriminación porque non en todos os sitios se poden sacar os billetes coa mesma antelación", comentan uns pasaxeiros.
Aquí as reservas de billetes de tren só se permiten cun máximo de tres ou catro meses.
"Non podemos planificar nada", apunta unha muller.
Agora mesmo só se pode facer a compra anticipada ata o 22 de abril, o que trastorna o día a día de moitos pasaxeiros.
"O feito de non ter os horarios nin os días programados cáusame bastante problema"; "Se non o pode coller con anterioridade, de feito levo mirando varios días para ver se podía collelo, e non sei se vou poder vir á clase ou non, e nesa época eu teño exames", explican dúas usuarias habituais de Renfe.
Aféctalles aos viaxeiros habituais, pero tamén aos queren planificar unha viaxe.
"Vas planificar unha viaxe en que á parte de contratar o tren, ou contratar o medio de transporte, tes que contratar aloxamento, tes que contratar outros servizos ou tes que contratar cunha antelación que en tren non che permite contar con iso", conta un viaxeiro.
O feito de non poder mercar billetes con moita antelación discrimina tamén os galegos á hora de conseguir prezos máis baratos.
"E que te pasas ao mellor de 25 euros a 50 euros ou así, e nótase esa diferenza", lamenta unha rapaza.
En Renfe din ser conscientes desta problemática en Galicia que deriva dunha oferta de servizos que non está consolidada. Din que en breve abrirán a nova ventá de venda dixital, posiblemente en maio, pero aínda non hai unha confirmación oficial.