A vila de Redondela volve ser a gran capital mundial dos monicreques
A vila de Redondela volve ser a gran capital mundial dos monicreques
Na vixésimo cuarta edición vinte e seis compañías profesionais internacionais representaron oitenta espectáculos
Remata o festival internacional de monicreques de Redondela despois de sete días de marionetas e fantoches en cada recanto da vila. Nesta vixésimo cuarta edición vinte e seis compañías profesionais internacionais representaron oitenta espectáculos. Un ano máis hai que volver dicir iso de que Redondela foi a capital do mundo dos monicreques.
600 compañías teatrais exhibiron a súa arte ao longo destas 24 edicións do festival e isto foi elevando e refinando o gusto e o coñecemento do público.
"Ano a ano o público observa a técnica do fío, a técnica de bunraku, a técnica de luva... e xa pasa da profesión e do oficio a que nais, pais e cidadáns de a pé se convertan en expertos dos monicreques", conta a TVG Luis Crespo, o director do Festival Internacional de Monicreques de Redondela.
Le Guiñol Ortopedic, clásica e profesional, é unha das 26 compañías que actuou neste 2023 nun dos nove escenarios cunha obra tamén clásica e de alma paroleira.
"O coidado que hai desde a dirección, desde a xente que programa o festival co que se programa, co traballo profesional, con contratar compañías que nos dedicamos profesionalmente a isto. E tamén técnicas variadas, todo tipo de espectáculos, nas salas, nas rúas. Como todo está tan coidado dálle prestixio ao festival", explica Andrea Witsman de Le Guiñol Ortopedic.
As rúas énchense tamén de música e postos onde mercar dende o monicreque máis retro ao máis moderno. Onde os tendeiros son, por suposto, artistas das luvas e dos fíos.
"Plantar monicreques para que medren artistas dos monicreques. Nós fabricamos marionetas e vendemos nas feiras, ademais de facer espectáculos", di Juan Cruz Alemany, un artesán dos monicreques.
"A nós téñennos chamado, fóra do festival, para que fagamos un taller de construción de monicreques", relata José Alemany, tamén artesán dos monicreques.
"Un ambiente moi familiar. Aínda que este é un gran festival, moi ben organizado, hai un ambiente moi familiar. Para min é como actuar na miña casa", explica Rudi Dudi, que é pallaso.
Este xogo colectivo e nobre de fantoches e marionetas ocorre en calquera recuncho. Esa é a grandeza.