Publicador de contidos
Publicador de contidos

A violencia contra políticos en Alemaña escala chanzos na campaña das europeas

A violencia contra políticos en Alemaña escala chanzos na campaña das europeas

Esta noite pasada foi acoitelado un candidato da ultradereitista Alernativa para Alemaña (AfD)

Un policía morreu polas feridas sufridas o venres pasado tras a súa actuación durante un ataque contra un militante antiislam

En abril un candidato socialdemócrata quedou ferido grave tras ser agredido mentres pegaba carteis

(DPA/Rene Priebe) (DPA/Rene Priebe)
G24.gal 05/06/2024 11:52

A última vítima das agresións a políticos en Alemaña é un candidato da ultradereitista Alernativa para Alemaña (AfD) ás eleccións municipais. Ocorreu esta noite pasada na cidade de Mannheim, onde Heinrich Koch foi acoitelado logo de recriminar a tres persoas que arrincaran carteis da súa formación.

O atacante foi detido e a vítima permanece ingresada nun hospital.

Non é este o primeiro ataque contra políticos ou voluntarios durante esta campaña electoral.

O venres pasado, na mesma cidade de Mannheim, un home cun coitelo atacou un coñecido militante antiislam e outras catro persoas. Un policía faleceu dous días despois a causa da gravidade das súas feridas.

O suposto atacante, nacido en Paquistán hai 25 anos, actuaría motivado pola súa ideoloxía islamita, e o obxectivo do seu ataque era un acto da organización Pax Europa, que entre os seus militantes conta con persoas condenadas por incitar ao odio contra os musulmáns, entre eles a primeira vítima deste ataque.

A primeiros de abril, o eurodeputado e principal candidato socialdemócrata de Saxonia nos comicios europeos, Matthias Ecke, resultou gravemente ferido en Dresde ao ser agredido mentres pegaba carteis electorais.

Previamente, os presuntos autores da agresión atacaran un voluntario dos Verdes, que tamén estaba pegando carteis.

Días despois, a titular de Economía e exalcaldesa de Berlín, a socialdemócrata Franziska Giffey, resultou ferida leve ao ser golpeada na cabeza cunha bolsa chea dun material duro.

Tamén Martín Schmidt, deputado de AfD no parlamento rexional de Mecklemburgo-Antepomerania, quedou ferido leve ao ser agredido cun cinceiro de cristal na cidade alemá de Schwerin.

E aínda este mesmo sábado, o deputado cristián-demócrata alemán Roderich Kisewetter, portavoz da oposición conservadora para temas de defensa e seguridade, quedou ferido leve ao ser agredido mentres participaba nun acto de campaña no sur de Alemaña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade