A XEC abre un expediente sancionador a Sánchez por campaña electoral na súa visita a Navantia
A XEC abre un expediente sancionador a Sánchez por campaña electoral na súa visita a Navantia
O Partido Popular denunciou o presidente do Goberno por facer electoralismo
A intervención de Sánchez en Navantia tivo unha gran repercusión no sector marítimo galego
A Xunta Electoral Central (XEC) abriu un expediente sancionador ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, por facer campaña electoral durante a súa visita ao estaleiro de Navantia o pasado xaneiro, vulnerando o principio de "neutralidade política".
A XEC estimou o recurso do Partido Popular, que denunciaba a Sánchez por facer electoralismo en Navantia. Neste acto, o presidente do Goberno anunciou a construción dun novo buque da Armada en Ferrol, coa creación de 1.800 empregos e o investimento de 439 millóns de euros. Con isto, Sánchez vulnerou o artigo 50.2 da LOREG, que limita os anuncios das administracións en período electoral.
A Xunta Electoral resolveu abrir un expediente sancionador ao presidente, coa finalidade de depurar a posible responsabilidade en que puidese incorrer. A XEC tamén lle lembra que "debería coñecer" a relevancia do deber da neutralidade inherente á altísima autoridade que ostenta.
"Neutralidade que debe manter especialmente durante o proceso electoral" e que "así debería ser porque ata en dúas ocasións a Xunta Electoral Central sancionou o señor Sánchez por feitos parecidos aos que aquí nos ocupan", enfatizou a autoridade electoral.
Neste sentido, tamén engade que debido a unha desas infraccións, foi o propio Tribunal Supremo o que confirmou unha sanción a Sánchez, puntualizando que "a neutralidade política en período electoral nos espazos públicos constitúe un axioma esencial do noso ordenamento xurídico".
En outubro do 2023, a XEC tamén impuxo unha multa de 2.200 euros ao presidente do Goberno, naquel momento en funcións, por facer campaña electoral nunha conferencia de prensa en Bruxelas, e non respectar o principio de "neutralidade institucional".
Desta vez a XEC argumentou que a intervención do presidente do Goberno no estaleiro de Navantia, tivo unha gran repercusión en toda Galicia debido á relevancia que ten a empresa no sector marítimo galego.