Publicador de contidos
Publicador de contidos

A xuíza arquiva a causa polos actos contra un boneco de Pedro Sánchez

A xuíza arquiva a causa polos actos contra un boneco de Pedro Sánchez

"En ningún caso a súa aparencia reproduce a imaxe do presidente do Goberno", sinalou a maxistrada

Argumenta que consideralos delito "sería prexudicial para o pluralismo, a tolerancia e o espírito que sustenta unha sociedade democrática"

Imaxe das protestas ante Ferraz na Noitevella (Diego Radamés/Europa Press) Imaxe das protestas ante Ferraz na Noitevella (Diego Radamés/Europa Press)
G24.gal 16/02/2024 18:25

Unha xuíza rexeita a existencia dun delito na malleira a un boneco que representaba a Pedro Sánchez nunha protesta organizada o día de Noitevella fronte á sede do PSOE en Madrid. O "máis violento foi golpear unha piñata" que "en ningún caso", asegura, se parecía ao presidente do Goberno.

"O acto máis violento realizado polos asistentes foi golpear unha piñata ou boneco de cartón que representa unha figura con aparencia de home coas cellas pegadas, con orellas prominentes e nariz longo. En ningún caso a súa aparencia reproduce a imaxe do presidente do Goberno", sinalou a titular o Xulgado de Instrución número 26 de Madrid no auto onde arquiva a investigación.

A maxistrada decretou o sobresemento do caso tras estimar que os feitos non constitúen un delito de odio. A maxistrada argumenta que consideralos delito "sería prexudicial para o pluralismo, a tolerancia e o espírito que sustenta unha sociedade democrática, como a nosa".

No seu auto, ao que o PSOE anunciou que xa recorreu, a xuíza argumenta que as expresións proferidas non incitan ao odio nin cara a Sánchez nin cara ao partido, polo que "non deben ser perseguidas".

"Quizais non estea ben visto desde un punto de vista cívico, e a linguaxe sexa vulgar e groseira, e evidentemente poderían ser censurables desde esta perspectiva, pero a falta de educación non é delito. Pode ser desagradable para o aludido ou os seus partidarios, pero non é delito", incide.

Como explicou a maxistrada, os asistentes e "quizais" quen publicou os vídeos nas redes "participaban dalgunha maneira nun acto festivo en que utilizan expresións despectivas como mostra de rexeitamento a algunha acción do aludido", aínda que non descarta que os que emitiron os vídeos puidesen obedecer "á intención de reproducir as imaxes pola súa orixinalidade ou por calquera outro motivo".

Destaca tamén a data da protesta, organizada na rúa Ferraz, o 31 de decembro, que se produciu nun "ambiente festivo" e "probablemente despois do consumo de bebidas alcohólicas".

"Patriotas mallan unha piñata Sánchez na Noitevella de rúa Ferraz" ou "Noitevella patriótica 2023/2024 en Ferraz" son algunhas das expresións ás que fan referencia os vídeos publicados sobre a protesta.

A xuíza relata que o convocador da protesta comunicou á Delegación do Goberno a organización dunha "concentración pacífica" o 31 de decembro, para "celebrar o Aninovo" e que se "descoñece a ideoloxía" dos asistentes nin se vinculan con ningún grupo.

Deste xeito, a maxistrada reflexiona sobre a liberdade de expresión, que "comprende a crítica" aínda "cando sexa desagradable e poida molestar" e subliña que "nunha sociedade democrática non se pode entender que toda persoa que realiza unha crítica a terceiros deba ser perseguido penalmente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade