Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta abrirá este venres os cinco centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual

A Xunta abrirá este venres os cinco centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual

Estarán nos hospitais Gil Casares de Santiago, Novoa Santos de Ferrol, Álvaro Cunqueiro de Vigo, PAC de Ourense e Lucus Augusti de Lugo

Prestarán atención psicolóxica, xurídica e social, ademais de apoio e información ás vítimas

Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade, visita o centro de crise do Hospital Gil Casares no mes de xullo. Xunta
G24.gal 19/12/2024 16:05

A Xunta abrirá de forma simultánea este venres os cinco centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual, cumprindo o prazo establecido pola Unión Europea, que requiría que estivesen en marcha antes de final de ano.

Así, segundo confirmaron fontes de Política Social, desde as 9:00 horas deste venres estarán operativos os centros de crise situados en Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo, un máis dos esixidos pola UE.

En concreto, a Lei de Liberdade Sexual recolle que debe activarse un centro deste tipo por cada provincia.

Os centros están situados dentro dos complexos hospitalarios respectivos, unha decisión tomada desde o Goberno galego co obxectivo de que evitar a revitimización que causaría facer que os usuarios se desprazasen ata un edificio independente e destinado só a esta función.

En concreto, en Santiago sitúase no Hospital Gil Casares, mentres que en Ferrol estará no Hospital Novoa Santos. Tamén haberá un centro no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no PAC de Ourense e no Lucus Augusti.

Cada un destes centros de crise 24 horas contará cun equipo de sete profesionais que prestarán atención psicolóxica, xurídica e social. Ademais, darán apoio ás vítimas, familiares e persoas da súa contorna e, ademais, incluirán información telefónica e presencial as 24 horas do día os 365 días do ano.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García celebrou "que haxa un recurso máis a disposición de todas as mulleres que están sendo vítimas de violencia de xénero". Fixo esta declaración tras o minuto de silencio que acolleu o Parlamento de Galicia este xoves en sinal de repulsa polo crime machista que acabou coa vida dunha muller en Viveiro este mércores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade