A Xunta aproba un plan para facilitar aos autónomos a remuda xeracional
A Xunta aproba un plan para facilitar aos autónomos a remuda xeracional
A proposta inclúe unha web para poñer en contacto os que se retiran cos interesados en facerse cargo desa actividade
A Xunta ratifica o recurso ante o Constitucional contra a lei estatal de vivenda
O Consello da Xunta aprobou este xoves un plan para facilitar a remuda xeracional, que inclúe unha web para poñer en contacto os que se retiran cos interesados en facerse cargo desa actividade.
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, explicou, que actualmente teñen coñecemento de 42 negocios que colgan o cartel de peche por xubilación porque os seus donos non atopan substitutos.
"A Consellería de Emprego fará unha busca de posibles interesados e a partir de aí se lles facilitará os contactos e fará seguimento e un asesoramento especializado", dixo Rueda.
O plan prevé máis adiante crear incentivos económicos para favorecer a remuda. Terán prioridade nas axudas os negocios que estean no rural e os mozos que se fagan cargo de negocios que ían pechar.
Na súa reunión semanal, a Xunta deulle tamén o visto e prace a un millón de euros para axudar os galegos retornados que queiran estudar aquí un ciclo de FP. Haberá 48 bolsas para FP Básica, e 60 bolsas para cursar FP Dual, que implica prácticas en empresas.
O Goberno galego tamén acordou declarar proxecto de interese autonómico o centro de procesado avícola de Coren en Ourense para axilizar os trámites de construción desta planta, que vai crear máis de cen empregos.
A Xunta decidiu incorporar a empresa Altri ao fondo público-privado que vai facer accións para protexer os montes dos incendios. Altri achegará dous millóns a este fondo.