Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta asesorará os donos de vivendas ocupadas para recuperar a propiedade

A Xunta asesorará os donos de vivendas ocupadas para recuperar a propiedade

O presidente da Xunta asina un convenio co Colexio da Avogacía de Galicia para ampliar o servizo que prestan ás familias desfiuzadas

G24.gal 22/05/2023 14:00 Última actualización 22/05/2023 16:41

A Xunta reacciona á entrada en vigor da lei estatal de vivenda ampliando o convenio coa avogacía de Galicia para que, a maiores do asesoramento ás familias desafiuzadas, asistan tamén os propietarios de vivendas ocupadas de xeito ilegal.

Alfonso Rueda coida que a norma estatal vai en sentido contrario; por ese motivo, no prazo dun mes, editarán unha guía de axuda aos propietarios de casas ocupadas ademais de ofrecerlles asesoramento en liña sobre como deben proceder para recuperar as súas casas.

Dende 2015 en Galicia ocuparon de xeito ilegal mil vivendas. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coida que pouca discusión política debería haber sobre o dereito dos donos desas casas a recuperalas pero entende que a lei estatal de vivenda non o garante como debería.

Por mor diso asinou unha adenda ao acordo co Consello da Avogacía Galega de xeito que, amais de asesorar ás familias vulnerables que non dan pagado unha casa, orienten tamén aos propietarios das habitadas por intrusos.

"A norma estatal de vivenda vai exactamente polo sentido contrario. Parece que as persoas que ven como a súa vivenda é ocupada teñen un papel secundario e non deben ser tan defendidos coma noutros casos... Deben ser absolutamente defendidos e, xa digo, igual que as persoas que, se teñen desafiuzamento e non teñen medios para ter unha vivenda en casos moi habituais, teñen que ter o poio da administración, tamén as persoas que ven a súa vivenda ocupada deben telo", di Alfonso Rueda.

En cousa dun mes estará editada a guía de asesoramento legal para persoas ás que lle ocupan as casas. A avogacía galega ofrécelles amais un servizo de asesoramento na Rede sobre os pasos a dar. Os letrados avisan que os ocupantes son, ás veces, mafias organizadas para explotar persoas vulnerables.

"Porque non podemos esquecer que hai ocupacións que se producen por razón de actuacións de organizacións criminais que precisamente dispoñen de vivendas para alugarllas ás persoas máis vulnerables, é a elas ás que meten nunha situación de ocupación ilegal", cre Lourdes Carballo, presidenta do Consello da Avogacía Galega.

A Xunta de Galicia quéixase das inconcrecións da lei estatal de vivenda e espera a ver na práctica as obrigas que lles impón ás autonomías antes de pedirlle ao Goberno que as corrixa ou recorrela no Tribunal Constitucional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade