Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta avanza na xestión e recuperación dos terreos afectados polos incendios de 2022

A Xunta avanza na xestión e recuperación dos terreos afectados polos incendios de 2022

Xuntanza en Folgoso do Courel para abordar as conclusións do proceso participativo cos axentes locais da contorna

Houbo unha recollida de propostas para traballar na recuperación e xestión do territorio para evitar que se repitan situacións de gravidade 

G24.gal 22/08/2023 16:28 Última actualización 22/08/2023 16:52

Case toda Galicia está en risco de incendio entre alto e extremo, polo que hai que redobrar as precaucións. Precisamente a recuperación das áreas arrasadas polos grandes incendios do verán pasado xa está en marcha, e faise contando coa participación da Administración, das empresas e tamén da poboación. 

Este ano abriuse un proceso de consulta nos territorios afectados por eses grandes incendios, para recoller as ideas da poboacion sobre como protexerse do lume e evitar que situacións tan graves volvan repetirse. Recolleron achegas aquí no Courel, no Barbanza, Valdeorras, Verín e o macizo central ourensán.

Son 200 propostas que van axudar a priorizar as medidas de recuperación nestas áreas. Tamen axuda a creación dun fondo público privado para financialas: Inditex achegou 9 millóns de euros que van permitir actuacións en 26 concellos.

A Xunta asume o compromiso de apostar por unha recuperación integral do territorio para preparalo ante novos incendios forestais, ademais de facela contando con todos os axentes implicados como concellos e veciños que puideron facer as súas propostas. 

José González, conselleiro do Medio Rural: "O convencemento desde a Xunta de Galicia é que non hai outra forma de prepararse ante os incendios que facer esta recuperación do territorio apostando pola resiliencia do territorio fronte ao lume, e facéndoo co impulso da actividade agrogandeira e forestal ordenada con criterios de prevención de incendios".

Folgoso do Courel levou a peor parte dos incendios de 2022, queimando 11.000 ha nunha das zonas naturais máis valiosas de Galicia onde tamén perderon varias casas. A alcaldesa explicou que foi un punto de inflexión para comezar a traballar doutro xeito en materia de prevención.

Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel: "O poder de recuperación da natureza é incrible, pasamos de ver todo negro con arrastres, a ver como a natureza xa o vai corrixindo. Houbo pequenas actuacións coma pistas nos montes, limpeza de cunetas e pouco a pouco imos recuperando".

Dende o Grupo de Desenvolvemento Rural e desde a Fundación Juana de Vega que recolleu as propostas na contorna téñeno claro: na recuperación do territorio cómpre contar cos veciños.

Martín Alemparte, xerente do GDR Ribeira Sacra-O Courel: "O obxectivo que hai que conseguir é que a poboación que vive aquí no teña que marchar e poñerlle as condicións para facilitarlle que poidan desenvolver o seu medio de vida".

Francisco García, da Fundación Juana de Vega: "O que tentamos na Fundación é recoller propostas, pero tamén entender quen son as persoas que poden xestionar o territorio no futuro e non pode desligarse o territorio das persoas que o habitan".

Dende o Grupo de Desenvolvemento Rural e desde a Fundación Juana de Vega, que recolleu as propostas na contorna, téñeno claro: na recuperación do territorio cómpre contar cos veciños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade