Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os seis incendios dos Ánxeles deixan polo menos cinco mortos e máis de 100.000 evacuados

Os seis incendios dos Ánxeles deixan polo menos cinco mortos e máis de 100.000 evacuados

As autoridades desaloxaron o popular Paseo da Fama, unha das zonas máis turísticas da cidade

Biden cancela a súa viaxe oficial a Italia debido aos incendios en Califonia

Numerosas estrelas de Hollywood perden a súa casa polos incendios nos Ánxeles

directo Reuters
G24.gal 09/01/2025 08:07 Última actualización 09/01/2025 14:24

Polo menos seis incendios azoutan desde a noite do mércores o condado dos Ánxeles, que rexistrou o seu último foco de lume nas montañas de Hollywood, preto do emblemático cartel, o que obrigou a emitir novas ordes de evacuación polos sinistros que deixan polo menos cinco mortos, decenas de feridos e máis de 1.000 estruturas consumidas polas chamas. Superan as 40.000 hectáreas queimadas e 100.000 persoas evacuadas.

Segundo a empresa de información meteorolóxica AccuWeather, as perdas económicas desta vaga de incendios superarían os 50.000 millóns de euros.

Catro dos sinistros están fóra de control, entre eles, Palisades e Eaton, os de maior envergadura, segundo o Departamento de Protección contra Incendios de California, coñecido como Cal Fire.

O incendio na área de Hollywood Hills, coñecida como Sunset, desatouse arredor das seis da tarde hora local (02:00 hora GMT), menos de dúas horas despois xa queimara oito hectáreas de vexetación e ata o momento afectou a vinte hectáreas.

As imaxes aéreas da televisión KTLA mostraban varias estruturas que foran alcanzadas polas chamas que se esparexían velozmente. As autoridades emitiron unha orde de evacuación obrigatoria na icónica zona delimitada por Mulholland Drive e Hollywood Boulevard. Estaban ameazados algúns recintos históricos do popular Paseo da Fama, como o Palacio Chinés, que xunto a negocios contiguos comezaron o desaloxo dunha das zonas máis turísticas da cidade.

Polo menos 210 bombeiros responderon con rapidez ao sinistro, algúns mesmo atacándoo desde o aire, segundo dixo ao medio ABC a xefa do Departamento de Bombeiros dos Ánxeles, Kristin Crowley.

O pesadelo que non termina

Este novo lume representa máis traballo para os preto de 10.000 bombeiros do condado dos Ánxeles, que se viron superados polas chamas levantadas polos ventos de Santa Ana, con velocidades máximas de 160 quilómetros por hora.

As autoridades víronse obrigadas a ampliar este mércores á noite as ordes de evacuación para os residentes das cidades afectadas polo incendio Eaton, onde se rexistraron os cinco mortos que van contabilizados ata agora.

O lume alcanzou vías principais da cidade de Altadena, consumiu vivendas e comercios e ameaza con chegar á Autoestrada 210 que cruza de leste a oeste o condado. Residentes catalogaron o incendio como "nunca antes visto", segundo dixeron a EFE.

Nunha situación similar atópase a comunidade de Palisades, onde as chamas se estenden por todo o Pacific Coast Highway cara a Malibu. O sinistro consumiu centos de estruturas, incluídos edificios históricos e vivendas de estrelas de Hollywood.

Bombeiros que se atopan loitando contra este lume dixeron a EFE que o sinistro pode ser un dos peores que afectou a zona. Os outros tres lumes -Hurst, Lida, Woodley- tamén manteñen en xaque ás autoridades e ameaza desde un cárcere xuvenil ata refuxios establecidos para recibir os evacuados.

Corpos de bombeiros doutros condados están a chegar especialmente a zonas de Eaton e Palisades para axudar e nos ceos dos Ánxeles obsérvanse polo menos seis avións cisterna coñecidos como supertanker para combater os sinistros.

Os incendios tamén afectaron a calidade do aire do condado, que rexistrou un dos seus peores días, o cal obrigou a todas as escolas do Distrito Escolar Unificado dos Ánxeles a permanecer pechadas o xoves e o venres. Tamén se rexistraron apagamentos.

A Universidade de California (UCLA) emitiu un comunicado no que informaba de que a primeira semana de clases quedaba cancelada e destacaba que non había un perigo inmediato no campus.

O gobernador de California, o demócrata Gavin Newsom, anunciou esta tarde que se despregaron máis de 7.500 bombeiros e persoal de emerxencia para protexer as comunidades de California afectadas polos sinistros.

Biden cancela a súa viaxe oficial a Italia debido aos incendios en Califonia

Pola súa banda, o presidente Joe Biden dixo que o Goberno dos Estados Unidos está "preparado para facer todo o que sexa necesario, sempre que sexa necesario" para conter os incendios forestais e axudar a reconstruír o sur de California.

"Pero sabemos que será un camiño moi longo", agregou o mandatario estadounidense, que hoxe aprobou unha declaración de desastre para Os Ánxeles e ordenou asistencia federal para complementar os esforzos de resposta nas áreas afectadas. 

Biden cancelou a última hora unha visita oficial a Italia, durante a cal ía reunirse co papa Francisco, a primeira ministra Giorgia Meloni e o presidente italiano Sergio Mattarella, debido aos graves incendios forestais en California.

A secretaria de prensa da Casa Branca, Karine Jean-Pierre, informou da cancelación desta visita, que comezaba este xoves e ía ser a última de Biden como presidente a outro país, pois o día 20 de xaneiro entregará o cargo a Donald Trump, gañador das eleccións do pasado novembro.

O presidente asistirá este xoves en Washington ao funeral de Estado do expresidente Jimmy Carter, que morreu aos 100 anos o 29 de decembro pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade