A Xunta completará este verán a humanización da avenida de Galicia en Vigo
Os traballos centraranse noutros 1,5 quilómetros nos que se ampliarán as beirarrúas, repoñeranse os pavimentos e crearanse dous aparcamentos
A Xunta completará este verán a humanización da Avenida de Galicia no barrio vigués de Teis tras un investimento de 6,6 millóns de euros, segundo indicou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
Acompañada do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, Allegue visitou as obras da segunda fase desta humanización, que avanzan ao 50% e que contan cun orzamento de 4,1 millóns de euros financiados con fondos europeos. A segunda fase completará á anterior realizada en case medio quilómetro desta vía. Agora, os traballos centraranse noutros 1,5 quilómetros nos que se ampliarán as beirarrúas, repoñeranse os pavimentos e crearanse dous aparcamentos.
Tamén no barrio de Teis, Allegue falou dos avances realizados na antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), despois de que acabase o prazo de presentación de ofertas para a urbanización do PS-6 de titularidade da Xunta, con doce empresas que se postularon.
Agora, a Xunta prevé adxudicar a obra "nas próximas semanas" para que poida comezar a súa execución e estar finalizada a finais de 2026 ou principios de 2027. O PS-6 é o ámbito da ETEA correspondente co Campus do Mar da Universidade de Vigo; así mesmo, nese mesmo plan sectorial incluiríase a construción dunha residencia de maiores, a cargo da Fundación Amancio Ortega.
Doutra banda, dixo que Zona Franca e a Xunta xa enviaron ao Concello un borrador consensuado do convenio para o PS-1, que permitirá un vial medio na ETEA. "Estamos á espera de formalizar ese convenio para desenvolvelo", indicou.