Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dezasete meses de prisión para dous gandeiros de Melide que deixaron morrer 30 cabalos maltratados e desnutridos

Dezasete meses de prisión para dous gandeiros de Melide que deixaron morrer 30 cabalos maltratados e desnutridos

Os animais non recibían comida e auga, recibiron malos tratos e as súas mortes foron dolorosas

Non retiraban os cadáveres, polo que o resto de cabalos convivían con eles

Imaxe de arquivo duns cabalos fóra da explotación. Garda Civil. Imaxe de arquivo duns cabalos fóra da explotación. Garda Civil.
G24.gal 05/02/2025 17:12 Última actualización 05/02/2025 17:17

O Xulgado do Penal número 2 da Coruña condenou a 17 meses de prisión dous gandeiros de Melide acusados de maltratar e privar de alimentación e auga os cabalos da súa granxa, onde se produciu, en só uns meses, a morte de polo menos 30 exemplares.

O ditame recoñece que ambos os acusados eran propietarios dunha instalación gandeira en Melide na que convivían cabalos, poldros, ponis e mulos, aos que mantiveron "nunha situación de subalimentación constante, sucidade, falta de auga, falta de espazo de hixiene e, en xeral, falta dos máis básicos coidados".

"Mantiveron de maneira consciente e voluntaria a decenas de animais nunhas condicións absolutamente incompatibles cunha existencia minimamente digna para os mesmos", apunta.

En maio de 2019, unha inspección do Seprona localizou "varios cadáveres" de animais "á vista" e outros "ocultos por plásticos", así como que non existía na parcela "ningún tipo de alimento nin de auga" e que os animais vivos estaban "en completo abandono e desnutridos".

En novembro, outra inspección constatou que se mantiña a situación de desnutrición e a falta de alimento e auga, así como a presenza de sete cadáveres na leira.

Desde maio, data da primeira inspección, retiráronse 23 equinos mortos, "dos que 8 foran identificados como vivos" na anterior visita. "Consta acreditado, ademais, uns malos tratos antemortem e que as mortes foron dolorosas", engade, á vez que destaca que os animais falecidos "non eran retirados das instalacións", polo que o resto tiña que convivir con eles.

Na sentenza, o xuíz fai un reproche á veterinaria encargada desa granxa que, aínda que comunicou deficiencias, nunca denunciou o caso de malos tratos que se estaba producindo. "Aínda que non se atoparon motivos para imputarlle un delito, moralmente é responsable da morte dos animais", recolle.

O ditame condena ambos os dous procesados como autores dun delito de malos tratos animais continuados e os sentenza a 17 meses de prisión e a catro anos de inhabilitación para tenencia ou coidado de animais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade