A Xunta di que a proposta de ABAU agrava as desigualdades entre comunidades autónomas
A Xunta di que a proposta de ABAU agrava as desigualdades entre comunidades autónomas
A Consellería de Educación presenta un conxunto de alegacións ao proxecto de orde ministerial da ABAU para este curso
Esixe ao Goberno central un marco común homologado que garanta a equidade para o estudantado no acceso á Universidade
A Consellería de Educación acaba de presentar un conxunto de alegacións ao proxecto de orde ministerial da ABAU para este curso, unhas alegacións encamiñadas a corrixir o que consideran unha deriva que agrava as desigualdades entre as comunidades autónomas no acceso á Universidade.
"Estamos ante un novo borrador de orde ministerial que en lugar de corrixir as desigualdades de base dos alumnos o que fai é incrementalas, é un despropósito técnico. E ante isto, pois a Xunta ten que presentar as alegacións pertinentes, que precisamente van na liña de corrixir as debilidades desde a perspectiva técnica e tamén política que suscita esta nova orde", di Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Na Xunta esixen ao Goberno central un marco común homologado que garanta a equidade para o estudantado.
"Funciona moi ben o distrito único de acceso en España, hai unha única porta de acceso para o sistema universitario, pero atopámonos con 17 camiños diferentes. É dicir, cada comunidade autónoma fai un exame e iso xera desigualdade. Iso é sistema tradicional pero é que o sistema que formula o Ministerio incrementa aínda máis esa desigualdade", engadiu.
A Consellería de Educación demanda pautas para todas as materias novas das que non existen guías precedentes que poidan servir de referencia. Esixe que se recuperen as matrices e especificacións das probas de acordo aos currículos actuais, que concreten as competencias e os criterios de avaliación.