A Xunta destinará 32 millóns de euros a impulsar o emprendemento no 2025
A Xunta destinará 32 millóns de euros a impulsar o emprendemento no 2025
O Goberno galego aproba 1,2 millóns para formar migrantes en situación irregular en sectores con demanda de man de obra
Tamén aprobou 700.000 euros en axudas para modernizar os mercados de abastos de 28 concellos
O Consello da Xunta aprobou este luns destinar 32 millóns de euros o ano que vén a impulsar o emprendemento e negocios adaptados ás necesidades da contorna. Entre esas medidas está converter en empresas proxectos ideados nas universidades, atraer nómades dixitais ao rural ou axudar os mozos e retornados a que monten o seu negocio.
"Galicia sempre foi unha terra emprendedora e queremos seguir sendo un exemplo de como apostar pola terra para investir e dinamizar a eonomía da contorna", explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, encargada de dar a conferencia de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego.
O Consello da Xunta tamén aprobou unha segunda convocatoria do programa pioneiro que puxo en marcha o ano pasado para formar migrantes en situación irregular en sectores con demanda de man de obra. Nesta edición van duplicar o orzamento do plan, ata o 1,2 millóns de euros, e prevén pasar de 100 a 180 beneficiarios, co obxectivo de que o 70 % deles logren autorización de residencia e traballo ao rematar a formación.
O Goberno galego aprobou ademais 700.000 euros en axudas para modernizar os mercados de abastos de 28 concellos. Ánxeles Vázquez explicou que este exercicio van investir 1,4 millóns no impulso da Rede Galega de Mercados Excelentes.