Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Degusta A Coruña': cociñeiros e 'influencers' de todo o país visitan as pesqueiras do Ulla

'Degusta A Coruña': cociñeiros e 'influencers' de todo o país visitan as pesqueiras do Ulla

O congreso itinerante visitou as pesqueiras de Padrón para dar a coñecer a importancia da lamprea dentro do territorio

Os asistentes ao congreso coñeceron de primera man como se pesca a lamprea
G24.gal 29/10/2024 15:07

Despois de estar en Fene e Betanzos, o congreso itinerante 'Degusta A Coruña' recalou este martes en Padrón e Boiro. Cociñeiros e influencers de todo o país estarán ata este mércores coñecendo toda a cadea de valor dos produtos con máis tradición na gastronomía da provincia

Converter a gastronomía no escaparate turístico da provincia e poñer en valor os seus produtos é o obxectivo do congreso itinerante que a Deputación da Coruña puxo a andar esta semana. Divulgadores, investigadores e cociñeiros percorreron o territorio para falar de alimentos de calidade e de compromiso cos produtores locais.

"Agora mesmo temos unha nova fornada de xente que mirou para o rural, que produce alimentos de moitísima calidade dende o punto de vista eco ou bio pensando nesa cociña de quilómetro cero, e temos un sector da restauración que xa sabe converter eses alimentos de altísima calidade en bocados que por si mesmos paga a pena visitar a nosa provincia", explica Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado da área de Turismo

E nese afán de conservar unha gastronomía de calidade, o territorio, a paisaxe e a tradición xogan un papel fundamental. Ademais de visitar as zonas de produción vitivinícola da provincia da Coruña, as grandes descoñecidas, este martes baixaron á beira do Ulla para poñer en valor a pesca artesanal da lamprea.

 "Darlles valor a estas construcións é importante, que non se perdan. O ideal sería que isto se lle siga ensinando á xente, explicándolle o valor que ten", engade José Manuel Freire, vixilante de recursos naturais do río Ulla.

Esta forma de coñecer o produto da man de quen o traballa está sendo para moitos dos asistentes ao congreso unha experiencia enriquecedora.

 "Hai moito que aprender, pero non aprender de novidades, con que aprendamos o pasado nos vén moi ben, porque iso é o primeiro que vai desaparecer", apunta Mikel Zeberio, profesor do Basque Culinary Center de San Sebastián.

"Creo que é unha das iniciativas máis fermosas que teño visto dende que me dedico a esta profesión, coñecer Galicia, coñecer todos os seus produtos, coñecer as zonas; ten un valor incrible, non?", conta Álvaro Victoriano, presidente de Coruña Cocina.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar