A DINA que golpea o sur e o leste de España deixa xa varios mortos na Comunitat Valenciana
A DINA que golpea o sur e o leste de España deixa xa varios mortos na Comunitat Valenciana
Confirmouno o presidente autonómico, Carlos Mazón
O mandatario valenciano pediulles paciencia ás persoas atrapadas afirmando que a onde aínda "non se puido chegar é porque é absolutamente imposible"
Na vila albaceteña de Letur houbo unha segunda riada esta noite e hai un número indeterminado de persoas sen localizar
O temporal deixa inundacións, cortes de tráfico, cultivos esnaquizados e numerosos problemas no transporte, incluíndo o descarrilamento dun AVE
SIgue toda a actualidade da DINA coas informacións en directo de APunt, CMM e Canal Sur
O presidente da Generalitat valenciana confirmaba pasada a medianoite que os servizos de Emerxencias atoparon "corpos sen vida nalgúns dos puntos aos que se puido comezar a acceder". Non deu máis datos porque algunhas familias aínda non puideron ser informadas.
Desde o Centro de Coordinación de Emergencias, Carlos Mazón tamén se dirixiu á xente atrapada: díxolles que todos os efectivos están "preparados e listos" para actuar e, se non están podendo chegar a distintas zonas é porque, "ou hai colapso nas comunicacións ou son zonas anegadas". Pediulles "paciencia" e "forza", afirmando "que saiban que se vai chegar".
En distintos puntos da Comunitat Valenciana e de Albacete hai un número indeterminado de persoas desaparecidas ou ás que non se puido localizar.
A DINA golpeou e está golpeando con forza o leste e o sur do país: con casas, negocios, centros comerciais, fábricas ou residencias de anciáns anegadas; coas rúas dalgunhas vilas convertidas en ríos e coa forza da auga levando por diante pontes e destrozando estradas e cultivos; houbo e hai problemas no tráfico aéreo e no ferroviario, incluída a Alta Velocidade, sobre todo na provincia e nas conexións con Valencia, onde hoxe non haberá clase en moitas localidades. Noutras, hospitais e centros de saúde só van atender hoxe as urxencias para evitar desprazamentos e protexer a seguridade dos pacientes.
Na vila valenciana de Xiva recolléronse en vinte e catro horas 445 l/m2, a maior cantidade en case tres décadas. Tamén se superaron os 400 l/m2 en Bunyol ou Torís.
Comunitat Valenciana e Murcia
A Garda Civil e o Consorcio Provincial de Bombeiros de Valencia buscan desde primeira hora da pasada tarde un camioneiro desaparecido que estaba traballando en l'Alcúdia (Valencia), unha das zonas máis afectadas polo intenso temporal de choiva e vento que azouta a rexión. O aviso deuno un coñecido, que tratou de poñerse en contacto con el e foille imposible.
Valencia capital pechou os seus parques, xardíns e cemiterios e Alacant fixo o mesmo, incluíndo o castelo de Santa Bárbara, mentres que as clases foron suspendidas en todos os campus da Universidade de Valencia e en numerosos municipios como Algemesí, Crevillent, Elda ou Santa Pola.
Localidades especialmente castigadas foron as de Torrent e Utiel, onde as choivas e o desbordamento do río Magro levaron a mobilizar á Unidade Militar de Emerxencias, e Llombai, que soportou unha tromba de auga de 200 litros por metro cadrado en dúas horas. A UME tamén traballa xa nas vilas valencianas de Requena, Xirivella e Alacuás.
Na rexión de Murcia, os servizos de emerxencia atenderon máis dun cento de chamadas, incluída unha para rescatar un condutor atrapado no seu vehículo en Molina de Segura que, finalmente, saíu ileso. Murcia capital tivo que cortar por inundacións varias rúas.
Andalucía
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112 desactivou ás 20.50 horas a situación operativa 1 do Plan de Emerxencias ante o Risco de Inundacións en Andalucía tras atender máis de 600 incidencias durante a xornada.
As provincias máis afectadas foron Málaga e Almería, con inundacións en baixos de vivendas, sotos, garaxes e vías.
Na provincia malagueña, o temporal azoutou sobre todo á capital e ás vilas de Álora e Pizarra, onde o aumento do caudal do río Guadalhorce provocou múltiples anegamentos, con chamadas de socorro de persoas atrapadas nas súas vivendas e coches.
Só en Álora houbo máis dunha ducia de rescates. A Policía Local informou a EFE de que quedaba xente incomunicada nas casas pero sen correr perigo, polo que hoxe enviarán a maquinaria necesaria para abrir paso polos camiños. Non chovía tanto alí desde había 35 anos.
Un dos vagóns dun AVE que circulaba entre Málaga e Madrid con 291 pasaxeiros descarrilou, sen feridos nin danos persoais. Os viaxeiros tiveron que ser trasladados a outro convoi.
Na localidade almeriense do Ejido, unha sarabiada con grans "do tamaño de bólas de pimpón", segundo os agricultores, causaba na noite do luns importantes danos nos invernadoiros: víronse afectadas entre 4.500 e 11.300 hectáreas, segundo o alcalde ou segundo a UPA.
Castela-A-Mancha
En Castela-A Mancha, a maior cantidade de auga caeu en Albacete, aínda que tamén se rexistraron importantes choivas noutras provincias como Cuenca ou Cidade Real.
Hai un número indeterminado de persoas sen localizar en Letur (Albacete). O delegado do Goberno autonómico na provincia, Pedro Antonio Ruiz Santos, explica que parte da vila está sen luz e sen comunicacións telefónicas polo que non se poderá facer reconto ata que sexa día.
A previsión de AEMET é que este mércores siga chovendo con forza en Andalucía occidental, na área do Estreito, en gran parte do sistema Ibérico, no norte da Comunitat Valenciana e en Cataluña, e con menor intensidade noutras zonas do interior peninsular
Comité de crise do Goberno central
O Goberno central constituíu un comité de crise de seguimento dos efectos da DINA para "coordinar os traballos de resposta e asistencia por este fenómeno", segundo informou.
Este comité mantivo unha primeira reunión nas dependencias do Departamento de Seguridade Nacional no Complexo da Moncloa, baixo a presidencia da vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, e coa asistencia do ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños; da ministra de Defensa, Margarita Robles, e do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.
Nesa primeira xuntanza, participaron de forma telemática a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e a delegada do Goberno en Valencia, Pilar Bernabé.
O comité de crise púxose en contacto cos presidentes de Valencia, Castela-A Mancha, Murcia e Andalucía, así como cos delegados do Goberno nestes territorios e puxo á súa disposición todos os efectivos que sexan necesarios da UME, Policía Nacional, Protección Civil e Garda Civil.
O comité de crise manterase reunido de forma permanente para analizar a situación ata que a DINA remita.
A partir de hoxe será presidido polo xefe do Executivo, Pedro Sánchez, unha vez regrese da súa viaxe oficial a India. O xefe do Executivo sinalou na rede X que segue "de preto e con preocupación as informacións sobre as persoas desaparecidas e os danos causados" pola DINA.
Casa Real tamén dixo que o rei Filipe VI segue "con moita preocupación as devastadoras consecuencias" da DINA. "O noso máis fervente desexo de que os desaparecidos sexan localizados con vida e rescatados canto antes, e a nosa solidariedade cos miles de afectados", publicou na rede social X.