Publicador de contidos
Publicador de contidos

As inundacións pola rotura dunha tubaxe provocan importantes danos materiais en Culleredo

As inundacións pola rotura dunha tubaxe provocan importantes danos materiais en Culleredo

Os veciños tiveron tempo de sacar os seus coches do garaxe, pero todo o que tiñan gardado nos rochos perdérono

Segundo os veciños a auga baixaba como unha fervenza e entraba directamente nos garaxes e trasteiros

G24.gal 29/10/2024 15:10

Ascensores inhabilitados, 27 rochos completamente asolagados e unha morea de danos materiais. É o saldo que deixa a rotura dunha tubaxe da rede xeral que abastece A Coruña e a súa área metropolitana.

Operarios da empresa municipal de augas da Coruña continúan traballando na tubaxe. Ten un diámetro de gran tamaño, e segundo os veciños a auga baixaba como unha fervenza e entraba directamente nos garaxes e rochos.

Por fortuna deulles tempo a sacar os seus coches, pero todo o que tiñan gardado nos rochos perdérono, xa que a auga superou o metro e medio de altura.

"Perdeuse todo porque a auga chegou a un metro setenta de altura. Afortunadamente o edificio ten bomba de achique moi potente, se non tamén afectaría os coches", conta un veciño.

Foron uns veciños os que alertaron do que pasaba, logo de escoitar un forte estoupido.

"Xente correndo, sacando os coches como podían..., deu tempo a sacalos todos", conta un deles.

O suceso provocou tamén que os ascensores quedaran inhabilitados, pero non afectou o abastecemento.

Non é a primeira vez que se produce un suceso deste tipo, xa que a mesma tubaxe rebentara hai nove anos. Por iso os afectados reclaman que se tomen medidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade