Detidos dous homes na Coruña acusados de cometer 26 roubos en Oleiros
Detidos dous homes na Coruña acusados de cometer 26 roubos en Oleiros
Dedicábanse a roubar en vehículos estacionados e vivendas particulares
A Garda Civil arrestou un veciño de Culleredo por distintos roubos cometidos no Polígono Industrial do Espírito Santo
A Garda Civil de Oleiros detivo dous homes na Coruña como presuntos autores de 26 delitos de roubo neste municipio coruñés durante o mes de setembro.
Os presuntos autores accedían ás leiras das vivendas, centraban a súa atención nos vehículos estacionados e alí subtraían os efectos que se atopaban no interior. Nalgunha ocasión accederon tamén ás vivendas e fuxiron tras verse sorprendidos polos propietarios.
A Garda Civil deu con eles na Avenida de Fisterra da Coruña. A operación continúa aberta por se puidesen estar relacionados con outros roubos similares cometidos en municipios limítrofes.
Detido un veciño de Culleredo por varios roubos cometidos no Polígono Industrial do Espírito Santo
A Garda Civil detivo un veciño de Culleredo pola súa presunta implicación en varios delitos de roubo cometidos en Sada. O arresto produciuse no marco da operación Creva, que arrincou tras as denuncias interpostas polos afectados.
O arrestado empregaba sempre o mesmo vehículo para a comisión dos delitos, o cal facilitou o seguimento das súas actividades delituosas.
O detido, que xa contaba con antecedentes por feitos similares, era coñecido polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Está acusado de tres roubos con forza e un de furto rexistrados este verán no Polígono Industrial do Espírito Santo, situado no concello coruñés de Sada. O valor das ferramentas subtraídas ascende a un total de 4.700 euros.