Vaga de roubos en parroquias do rural de Marín
Vaga de roubos en parroquias do rural de Marín
Os ladróns esperan a que as vivendas queden baleiras paa entrar e roubar xoias e cartos
Os veciños do rural de Marín, unha zona tradicionalmente tranquila, andan inquedos por mor dunha vaga de roubos.
Á tardiña, cando xa é de noite e non hai ninguén na casa. Así actúan os ladróns que teñen moi preocupados os veciños do rural no concello de Marín. Asaltos que se sucederon estes días en vivendas de Currás, A Moreira e Pardavila. Conta un veciño que soubo que roubaran na casa do lado da súa e levaron cartos e xoias, pero que eles nin se decataron, malia que foi á tardiña.
Os ladróns aproveitan que son zonas moi tranquilas para entraren nas casas cando quedan baleiras. Levan cartos e xoias, nada de aparellos electrónicos nin cousas de grande envergadura. Sospeitan que os ladróns son veciños ou polo menos bos coñecedores da zona e que vixían as casas para entraren canto os propietarios marchan.
As distintas asociacións veciñais están avisando por WhatsApp da necesidade de manter precaucións básicas como pechar portas e ventás antes de saír da casa. Tamén a Policía Nacional recomenda non entrar na vivenda se está aberta e, se hai sinais de que alguén entrou roubar, chamar inmediatamente ao 091 e non tocar nada para non destruír posibles probas.