Detido en Friol por asaltar a casa dun coñecido, romper mobles e ameazalo de morte
Detido en Friol por asaltar a casa dun coñecido, romper mobles e ameazalo de morte
Outro home foi detido en Chantada como suposto autor de dous delitos de roubo con forza e un delito de furto de uso de vehículo
A Garda Civil detivo na localidade lucense de Friol un home de 28 anos que entrou á forza na vivenda dun coñecido e rompeulle mobles e aveños á vez que o ameazaba de morte.
Os feitos sucederon sobre as 19:00 horas deste luns, cando a persoa detida, tras romper a porta de acceso ao portal dun edificio e posteriormente a dunha das vivendas, accedeu ao interior do domicilio da vítima, rompendo mobles e elementos de decoración, mentres profería ameazas de morte a un dos ocupantes, supostamente por desavinzas no ámbito laboral.
A persoa detida e as dilixencias policiais foron postas a dispor xudicial ao longo da mañá deste martes.
Por outra banda, a Garda Civil detivo en Chantada un home de 35 anos como suposto autor de dous delitos de roubo con forza e un delito de furto de uso de vehículo. O presunto autor accedeu ao interior dun establecemento comercial situado neste municipio e, tras forzar cunha especie de ganzúa unha das maquinas, apropiouse de 100 euros fraccionados en billetes e moedas.
Ademais, impútaselle outro delito de roubo nun local de hostalería, onde se apropiou de numerosas botellas de bebidas alcohólicas, a recadación da caixa rexistradora e unha televisión de grandes dimensións. Así mesmo, impútaselle unha subtracción dun turismo estacionado nas inmediacións dun establecemento hostaleiro.