Unha lavandería do Barco sofre tres roubos en dez días
No último arrincaron a máquina de cambio cunha machada. Os danos pasan dos tres mil euros.
Teñen un peto solidario para axudar as protectoras de cans e gatos de Valdeorras. Ese foi o obxectivo do primeiro roubo rexistrado o 18 de marzo na Lavandería Don Xabón, no Barco de Valdeorras. Segundo a propietaria do negocio, Carmen Hernández, a súa parella colleu ao ladrón na allada.
Non pasara nin unha semana cando as cámaras de seguridade gravaban un novo roubo tamén no peto solidario. Mentres Carmen denunciaba os feitos na Garda Civil, o mesmo ladrón volvía ao local desta volta cunha machada coa que arrincou a maquina de cambio da parede. O valor do subtraído e os estragos no local pasan dos tres mil euros.
Hai máis de 7 anos que montaron esta lavandería no centro do Barco e non tiveran problemas ata hai un ano, cando foron vítimas dun roubo e dunha tentativa que freou o cristal de seguridade.
Nin as cámaras de seguridade nin o preto que están da Policía Local conseguen afastar os ladróns. Roubos que, segundo denuncia Carmen, afectan máis negocios da zona.