Asaltan un bar en Sada de madrugada
Asaltan un bar en Sada de madrugada
Os ladróns forzaron a porta traseira e desvalixaron a máquina comecartos
A caixa rexistradora apareceu tirada preto do aeroporto de Santiago
O panorama que atopou este martes á mañá no bar Estrella de Sada foi devastador para o seu propietario. Algún entrou no local de madrugada arrasando coa máquina comecartos, a recadación da lotería de Nadal, o cambio da caixa e a moral de Yoiner, que ten o local desde febreiro.
"Estaba durmindo e chamoume meu curmán ás sete da mañá porque viu o bar aberto e decatouse do roubo. Baixei da casa correndo e xa vin a desfeita", explica Yoiner Cabral.
Os asaltantes entraron de madrugada pola porta traseira do bar, forzando o peche cunha pata de cabra. O propietario sospeita que foron rápidos e que sabían o que facían, logrando levar un gran botín en pouco tempo.
"250 de fondo de cambio da caixa, 380 da recadación dos décimos de Nadal, e 2.901 euros da comecartos", enumera Yoiner.
Uns 3.500 euros aos que terán que sumar aos estragos causados no local, especialmente importantes no caso da máquina comecartos, que quedou completamente desvalixada.
"É un estrago moi grande o que fixeron, os cartos da lotaría, a caixa, romperon vaixela, un desastre", lamenta o tío do propietario.
O que seguro van recuperar, pero baleira, é a caixa rexistradora. Un home atopouna tirada esta mañá preto do aeroporto de Santiago.
"Chamou un home de Santiago que traballa cun tractor e atopou a caixa no medio do monte. Deuse conta que era do meu bar polo tícket de rexistro da caixa e chamou", comenta Yoiner.
Iso si, os ladróns respectaron a cesta de Nadal e os últimos dous décimos da lotaría do bar. Quedarán con eles, non vaia ser que a sorte cambie e o Gordo compense o desgusto co que se ergueron esta mañá.