Entran roubar en campos de fútbol de Cambre e Culleredo
Entran roubar en campos de fútbol de Cambre e Culleredo
Os cacos provocaron máis danos que o botín que levaron
É a segunda vez en tres meses que asaltan o campo do Brexo-Lema en Cambre
No campo de fútbol do Brexo-Lema, en Cambre, xa están reparando a desfeita. Descubrírona o domingo: rebentaran todas as portas do estadio, buscando non se sabe que.
"Chegou a vicepresidenta e atopou todo o petate", explica a tesoureira, Rosa Pose. "Estaba todo revolto, as portas abertas -explica- e levaron produto da cantina". Aínda están facendo inventario, pero calculan que puideron levar mercadoría do bar por valor de 300 ou 400 euros.
Cren que poden ser os mesmos cacos que entraron en agosto, porque a operación foi moi parecida. Din que o punto crítico está nas obras da nova grada: levan anos paradas e deixan un acceso fácil ao campo.
"Tres anos leva parado, as fins de semana incluso entran facer festas", explica Rosa Pose. Cre que os ladróns entraron por aí, así que piden un peche mellor, ou que lles instalen alarmas e cámaras.
Desbotan que se tratase dunha rapazada, porque houbo incursións semellantes noutros campos da zona. Entraron tamén no do Culleredo e no da Barcala. "Téñeno fácil -di Rosa- porque son campos que non teñen casas moi cerca, teñen libre".
Os outros clubs coinciden en que foi máis a desfeita que deixaron que o que lles levaron. A Garda Civil xa inspeccionou os campos, e están á espera de que se formalicen as denuncias para abrir investigación.