A Xunta Electoral amplia o prazo do voto por correo das europeas ata o 6 de xuño
A Xunta Electoral amplia o prazo do voto por correo das europeas ata o 6 de xuño
A XEC remarca que os resultados dos comicios do 9 de xuño non se poderán difundir ata as 23 horas ao seren internacionais
A Xunta Electoral Central (XEC) acordou ampliar o prazo para o voto por correo nas eleccións europeas ata o 6 de xuño. Ademais remarcou que os resultados deses comicios, ao seren internacionais, non se poderán dar a coñecer antes das 23 horas do día da votación, o 9 de xuño.
Por unha banda, e a proposta da sociedade estatal Correos, a XEC decidiu ampliar o prazo de depósito do voto por correo correspondente ás eleccións ao Parlamento Europeo ata o 6 de xuño de 2024 para todos os electores que se atopen en España e nos horarios habituais de apertura das oficinas de Correos.
Segundo indica a XEC, Correos "deberá extremar a dilixencia para asegurar que os sobres co voto poidan entregarse o día da votación nas respectivas mesas electorais, dentro dos prazos legalmente establecidos".
E noutra resolución recollida por Europa Press, o organismo arbitral comunica ás xuntas electorais provinciais que, conforme se establece na normativa europea e se inclúe na convocatoria electoral, "ningún Estado membro poderá facer públicos oficialmente os seus resultados electorais ata despois de pechada a votación no Estado membro cuxos electores foren os últimos en votar". Isto implica que non se poderán difundir ata que finalicen as votacións en Italia.