Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta encarga un estudo para cifrar o custo do traspaso da AP-9

A Xunta encarga un estudo para cifrar o custo do traspaso da AP-9

Ante o baile de cifras do Goberno, en Vivenda anuncian a realización deste estudo que prevé ter listo no prazo dun ou dous meses

María Martínez Allegue anuncia a publicación dunha liña de axudas para que promotores e cooperativistas constrúan vivenda protexida en réxime de alugueiro

G24.gal 23/06/2024 09:36 Última actualización 23/06/2024 19:33

A Xunta encargou un estudo para determinar o custo real do traspaso ou rescate da autoestradada do Atlántico, a AP-9, ante o baile de cifras ofrecido polo Goberno central. A conselleira de Vivenda e Infraestruturas María Martínez Allegue así o avanzou nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega. Martínez Allegue explicou que a previsión é que no prazo dun ou dous meses estea listo este estudo con datos concretos ante a falta de "transparencia" que lle apoñen ao Ministerio de Transportes. A conselleira ata suxire que, con cambio nas contías, o ministro Óscar Puente "semella que está a confundir rescate con transferencia". En todo caso, asegura que a Xunta seguirá esixindo a "transferencia" da AP-9.

"Tan pronto teñamos ese estudo contrastaremos a viabilidade ou a fiabilidade desa cifras que di o ministro. Claramente, cando soben dun día para outro en dous mil millóns é claro que non semella que se baseen en estudos, nin sequera en memorias".

A conselleira tamén pon no ollo das súas críticas os partidos da oposición, PSdeG e BNG, ao entender que tamén teñen que facer valer os seus compromisos. Segundo Martínez Allegue: "O que si que é claro é que os compromisos que acadan en campaña as distintas forzas políticas ou os compromisos que se asinan para permitir a investidura do que hoxe é presidente do Goberno, Pedro Sánchez, deben tamén esixirse". 

POLÍTICA DE VIVENDA

A conselleira de Vivenda tamén anunciou na entrevista que a Xunta publicará mañá unha liña de axudas destinada a promotores e cooperativistas para a construción de vivenda protexida en réxime de alugueiro. Segundo as súas estimacións, poderían acollerse "unhas 350 vivendas" tanto de nova construción coma para rehabilitación. O prazo de solicitude estará aberto ata "finais do mes de outubro".

"Mañá sae publicada unha liña de axudas destinada a promotores e cooperativistas para a construción de vivenda protexida en réxime de alugueiro".

Martínez Allegue tamén destacou que están moi avanzados os proxectos de redacción para levar adiante a construción de 400 novos inmobles nos primeiros cen días de Goberno, compromiso electoral do presidente da Xunta Alfonso Rueda. Entre outros proxectos, falou do inicio neste próximo mes de 74 vivendas en Pontevedra: "Paraiso tamén temos licenza municipal, e temos tamén licenza para 24 vivendas en  Santiago de Compostela que comezaremos no mes de xullo".

A conselleira de Vivenda tamén lle afeou ao Goberno central a "discriminación" de Galicia no proxecto Viena da SAREB, que ten como obxectivo incrementar a oferta de alugueiros accesibles con investimento público-privado. Martínez Allegue dixo que, malia terlle preguntado os motivos desa exclusión á ministra de Vivenda e Axenda Urbana, aínda non teñen resposta. De feito, explicou que esta semana lle remitiu outra carta para se interesar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade