A Xunta esixe certificado da covid nos grandes eventos en interiores e ao aire libre
A Xunta esixe certificado da covid nos grandes eventos en interiores e ao aire libre
Pedirase en todos os eventos en que se consuman bebidas e alimentos
Desde este sábado é preciso o pasaporte covid–19 para entrar en ximnasios, residencias de maiores e eventos multitudinarios
Todas as medidas do Diario Oficial de Galicia estarán vixentes ata o 18 de xaneiro
A Xunta de Galicia publicou as novas normas con que, de momento, pretende superar o Nadal, en palabras do presidente autonómico Alberto Núñez Feijóo. O presidente sostivo que se a situación non empeora, mantense a prudencia e seguirá o mesmo ritmo de vacinación, non se impoñerían medidas adicionais.
Endurécense os eventos do Nadal, coa prohibición de cócteles, e esténdese o certificado covid–19 (polo momento para maiores de 12 anos) para máis actividades. Como normativa xeral, en Galicia é preciso o certificado covid, para a poboación maior de 12 anos, para acudir a restaurantes, a bares a partir das 21 horas, aos albergues de peregrinos, a discotecas e a visitar algún paciente ingresado.
Desde este sábado, tamén é preciso o pasaporte covid para entrar en ximnasios e en piscinas, para os visitantes e acompañantes a residencias de maiores e de persoas con discapacidade; para visitantes e acompañantes de pacientes en hospitais de día para tratamento oncolóxico e de diálise e hoteis de pacientes e para acceso a eventos multitudinarios ou aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida para o seu consumo durante estes días.
Certificado covid para eventos en recintos pechados e ao aire libre
Para o acceso ao interior dos establecementos ou recintos pechados, que conten cunha asistencia de público superior a 200 persoas, nos cales se desenvolvan os seguintes eventos ou actividades:
1) A realización de actos institucionais, congresos, feiras e outros eventos profesionais de análoga natureza.
2) Celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como eventos musicais e artísticos e outros eventos realizados en recintos pechados e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.
3) Celebración de eventos deportivos e outras actividades deportivas non federadas de carácter organizado.
4) Festas, verbenas e outros eventos populares realizados en espazos acoutados e pechados.
Para o acceso ás actividades e aos eventos sinalados na alínea a) que se desenvolvan en recintos ou espazos acoutados ao aire libre e que conten cunha asistencia de público superior a 500 persoas.
Para o acceso ás actividades e aos eventos sinalados nas alíneas a) e b), xa sexan en recintos ou espazos pechados ou acoutados ao aire libre, sempre que polas súas características teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo neles, independentemente do número de asistentes.
Ademais, este xoves, a Xunta publicou a prórroga do certificado COVID–19 en hostalería (para restaurantes todo o día e outro tipo de establecementos desde as 21:00 horas), coa novidade incorporada de que quedan prohibidos os eventos de cócteles de pé e actos de recepción con aperitivo.
Esta medida en concreto entrará en vigor a semana que vén, é dicir, os cócteles que estivesen de antemán programados para esta fin de semana (do 18 e 19 de decembro) están permitidos, de maneira que se endurecen as medidas para as datas festivas do Nadal. Todas as medidas do Diario Oficial de Galicia estarán vixentes ata o 18 de xaneiro.