Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta esixe ao Goberno fondos para a lei ELA e que financie o 50 % da dependencia

A Xunta esixe ao Goberno fondos para a lei ELA e que financie o 50 % da dependencia

Fabiola Garcia di que o Estado achega só o 30% dos gastos, mentres que o propio Executivo central defende que a súa achega é do 40%

Bustinduy felicitou a conselleira pola aplicación do novo programa de tarxetas moedeiro en Galicia

A conselleira Fabiola García reunida co ministro Pablo Bustinduy A conselleira Fabiola García reunida co ministro Pablo Bustinduy
G24.gal 04/12/2024 17:14

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo este mércores unha reunión co ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, ao que volveu reclamar que se aborde o financiamento estrutural da dependencia e que o Goberno central achegue o 50 % dos fondos, como establece a lei.

Fabiola García dixo que Galicia destina este ano máis de 655 millóns de euros á dependencia, dos que, sostivo, aproximadamente o 70 % proceden das arcas autonómicas e o 30 % restante do Goberno central. Pola súa banda, o Goberno central sinalou nun comunicado que a súa achega é do 40 %, mentres que a Xunta asume o restante 60 %.

O "esforzo do Executivo galego", dixo Fabiola, "permite que a día de hoxe Galicia conte con máis de 77.000 persoas con dependencia recoñecida" que están a recibir un servizo ou unha prestación. Unha cifra que sitúa o cociente de atención da comunidade en máis do 98 %, o terceira máis elevada de España.

A maiores, a conselleira indicou que, de resolverse "a débeda que mantén o Estado" con Galicia na materia -que cifra en 2.500 millóns de euros-, o Goberno galego podería ampliar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), as horas prestadas e o número de persoas beneficiarias.

Ademais, sobre a atención, a conselleira instou o Goberno central a que "cumpra cos niveis mínimos, os incremente e aumente a achega do nivel acordado". Ademais, solicitou que nos criterios de financiamento da dependencia aumente o peso da poboación envellecida e da dispersión e que se recoñezan as casas do maior como un servizo da carteira de dependencia.

Por último, reclamou que se avance na reforma da lei de dependencia e que se aborde a atención ás persoas segundo as súas preferencias, permitindo coñecer ás comunidades o alcance económico das modificacións e a previsión de financiamento estatal.

Lei ELA

Outra das cuestións tratadas no encontro foi o financiamento da recentemente aprobada lei ELA, que entrou en vigor o pasado mes de novembro.

Sobre esta normativa, Fabiola García pediu ao Goberno central que dote as comunidades de "fondos suficientes" para a súa correcta aplicación, principalmente porque o texto "non leva aparellada unha memoria económica".

A conselleira tamén garantiu a implicación de Galicia nesta materia, na que a Xunta "asume integramente con fondos propios" as axudas a persoas con ELA, con 3 millóns de euros. Por iso, solicitou ao Goberno central que se implique e achega outros 3 millóns para poder duplicar a axuda anual ata os 24.000 euros por persoa

Bustinduy di que o Goberno duplicou a súa achega desde 2020

Pola súa banda, o ministro Pablo Bustinduy apuntou que, desde 2020, o Goberno de España duplicou a achega de fondos para dependencia a Galicia, "cubrindo xa o 40,69 % do gasto anual nesta área".

"O noso obxectivo é seguir incrementando esta achega nos próximos anos", dixo Bustinduy, sinalando que para iso é preciso que se aproben uns novos orzamentos xerais do Estado.

O ministro sostivo que en 2020 a Administración Xeral do Estado achegou preto de 95 millóns de euros á Xunta, o que supoñía un 23,33 % do financiamento total da lei, cifra que se multiplicou en 2023 ata os case 210 millóns de euros que o Estado achegou no último ano e que "supón o xa mencionado 40,69 % do total", unha "cifra récord", en palabras do ministro, quen sostivo que este dato supón a porcentaxe máis alta que o executivo central destina a unha comunidade autónoma.

"O Goberno de coalición levou a cabo un incremento sen precedentes do financiamento en dependencia, xusto o contrario que fixo o Goberno de Rajoy", declarou o ministro, á vez que manifestaba que "o Partido Popular deixou o sistema de dependencia infrafinanciado achegando soamente 66 millóns de euros en Galicia fronte aos 210 millóns que achegamos agora".

Pablo Bustinduy aproveitou o encontro para felicitar a conselleira pola aplicación que a Xunta está a facer en Galicia do novo programa de tarxetas moedeiro para familias en extrema vulnerabilidade. Este programa, posto en marcha este ano de maneira transitoria polo Goberno de España a través de Cruz Vermella, supón un cambio na administración das axudas que proveñen do Fondo Social Europeo Plus (FSE+).

O ministro valorou que o Goberno galego estea a aplicar este programa en base aos tempos estipulados e derivando todas as persoas que cumpren os requisitos para acollerse a este programa.

En base aos últimos datos de execución, a Xunta xa repartiu tarxetas moedeiro a preto de 4.000 familias (3.976), asegurando así a execución do orzamento total de máis de 4 millóns de euros asignado a Galicia para este ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade