García: "A prevención é fundamental, pero sobre todo hai que traballar na igualdade todos os días do ano"
García: "A prevención é fundamental, pero sobre todo hai que traballar na igualdade todos os días do ano"
García: "A prevención é fundamental, pero sobre todo hai que traballar na igualdade todos os días do ano"
Sobre a programación que está a organizar a Xunta neste 25N, a conselleira afirmou que "son máis de 300 actividades que van dirixidas principalmente á xente máis nova nese traballo de sensibilización e concienciación, do bo trato e loita contra a violencia machista"
"Esta Administración vai darlles esa axuda económica mensual pra que poidan reencamiñar a súa vida, ese Bono Alugueiro para que poidan alugar unha vivenda e a asistencia xurídica gratuíta", afirmou Fabiola García
Violencia machista: catro mulleres asasinadas en Galicia no que vai de ano
Neste 25 de novembro, Día da Eliminación da Violencia Machista, a conselleira de Política Social e Igualdade Fabiola García, foi entrevistada no informativo Bos días. En Galicia, cada día, unhas 20 mulleres sofren algún tipo de violencia, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, que din que os delitos contra a muller aumentaron un 12 % en 2023.
Fabiola García dixo que "a prevención é fundamental, pero sobre todo hai que traballar no ámbito da igualdade e a prevención da violencia de xénero e estender esta loita a todos os días do ano".
Sobre as actividades que está a organizar a Xunta neste 25N, a conselleira afirmou que "son máis de 300 actividades que van dirixidas principalmente á xente máis nova nese traballo de sensibilización e concienciación, do bo trato e loita contra a violencia machista". Destacou que os roles están aínda moi presentes nos máis novos e queren traballar na prevención con todo o traballo de sensibilización e animar a todas as mulleres a que denuncien.
"Animamos a que o fagan a través do teléfono 016, un teléfono gratuíto, confidencial, destinado a todas as mulleres de Galicia que non aguantes un minuto máis eses roles machistas ou violentos que poden estar vivindo nas súas casas. Que saiban que as forzas e corpos de seguridade do Estado van estar aí para atender esa denuncia, que o fagan tamén a través de familiares, de seres queridos ou amigos, que saiban que van ter unha Administración ao seu carón para apoialas", afirmou a conselleira.
Son moitos os ámbitos que xogan un papel fundamental despois de sufrir unha agresión. Fabiola puxo en valor todas as medidas que ten en marcha a Xunta de Galicia para as mulleres que son vítimas da violencia machista.
"Esta Administración vai darlles esa axuda económica mensual para que poidan reencamiñar a súa vida, ese Bono Alugueiro para que poidan alugar unha vivenda e a asistencia xurídica gratuíta", afirmou Fabiola García.
Sobre o último caso de violencia machista ocorrido en Galicia, trátase dunha muller que estaba incluída no sistema VioGén e que foi vítima de malos tratos na súa vida. Segundo manifestou Fabiola García, "nós reclamamos unha mellora e actualización deste sistema, que leva funcionando dende 2007, e hai moito que mellorar, como así recoñeceu a ministra de Igualdade".
"É un sistema que se basea nun algoritmo e os casos que se están dando en mulleres que estaban nun apartado de protección, que deberían de ter un nivel superior. Hai que actualizalo, hai que melloralo e esta é unha demanda que lle imos insistir ao Goberno así como a creación de máis xulgados de violencia de xénero en Galicia porque só hai dous e están colapsados. Tamén imos insistir nesa actualización do pacto do Estado e nesa lei de trata que cremos que é necesaria e fundamental", destacou Fabiola García.
En Galicia vaise traballar na creación dunha lei pioneira sobre a violencia dixital. García dixo que "queremos protexer ás mulleres e aos máis novos porque se están dando moitísimos roles machistas entre a xuventude e sobre todo no ámbito dixital".
"Non hai precedentes nin en España nin en Europa dunha lei tan completa como a que queremos crear en Galicia. O obxectivo é protexer as mulleres e ás máis novas porque son as que máis usan as redes sociais".
A conselleira de Política Social e Igualdade subliñou que estase a levar a cabo a cuarta edición da campaña #IgualdadeFollowers, que une dous compoñentes: os máis novos e as redes sociais. García afirmou que se fixo un acordo co Colexio de Xornalistas para que dez persoas que teñen ese contacto permanente coas redes sociais fagan o traballo de concienciación na xente máis nova no uso das redes sociais.
García rematou dicindo que espera que con esas 300 actividades arredor deste 25 de novembro cada vez a xente máis nova tome conciencia e sexa máis prudente.
"Animamos a todas esas mulleres que nos escoitan a que denuncien e non aguanten un minuto máis ningún tipo de rol e comportamento machista", sentenciou García.