Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta estrea este verán un novo modelo de coordinación na loita contra o lume

A Xunta estrea este verán un novo modelo de coordinación na loita contra o lume

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia contará con máis de 7.000 efectivos

G24.gal 31/05/2022 16:25

7.000 operarios, unha trintena de medios aéreos e preto de 400 motobombas forman parte do dispositivo da Xunta de Galicia para este verán contra os incendios forestais.

Este martes presentábase o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), que como novidade incorpora un novo modelo de coordinación dos incendios, coa figura do mando integrado e vaise reforzar a unidade de investigación de incendios forestais. O obxectivo da Xunta é baixar dos 400 incendios.

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, presentou ante o Consello Forestal de Galicia a actualización do Pladiga para este ano 2022. Desta forma, o Goberno galego cumpre coa presentación preceptiva que debe facer deste plan cada ano ante este órgano de forma previa á súa aprobación definitiva por parte do Consello de la Xunta, que previsiblemente terá lugar esta mesma semana.

"Cada ano vai incorporando novidades", explicou González Vázquez. Por primeira vez nesta ocasión contempla a creación do sistema estrutural de mando integrado, unha serie de cambios protocolarios e de funcionamentos pensados para "liberar de tarefas secundarias ao director técnico de extinción", potenciando a súa figura, e para poder "sectorizar os incendios cando sexa necesario para mellorar a xestión dos recursos".

Así mesmo, destacou o conselleiro, incorpóranse trece novas motobombas para extinción e aténdese unha "vella reivindicación" do dispositivo coa renovación de 150 vehículos dos axentes forestais, aproximadamente a metade do parque existente.

En total, o Pladiga para 2022 contempla un dispositivo formado por máis de 7.000 efectivos entre Xunta e outras administracións, apoiado por 30 aéreos de titularidade autonómica e estatal e "preto de 380 motobombas".

De igual maneira, actualízase a lista de parroquias consideradas como de "alta actividade incendiaria", de modo que seguirán sendo 35 os lugares de Galicia máis críticos neste sentido, 31 xa rexistrados con anterioridade.

O titular galego do Medio Rural quixo recalcar tamén que a Xunta segue apostando pola unidade de investigación de incendios forestais, cuxo traballo serviu para abrir 242 dilixencias.

Tras expoñer as principais novidades, González Vázquez criticou que os grupos da oposición atacasen ao Executivo autonómico pola demora en aprobar este plan e dixo non "entender a que xogan" estes partidos, dado que -defendeu- non é necesario que se tramite a nova versión do Pladiga para que a administración traballe na prevención de incendios.

"Estariamos mal se estivésemos a pensar en facer a prevención agora porque vén un verán de seca", agregou pouco despois, ao ser consultado polos plans da Xunta ante as previsións que apuntan a que Galicia pode vivir un verán seco, agravado pola falta de precipitacións nos meses anteriores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar