Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta fará unha proposta "ambiciosa" sobre o galego e pide consenso entre os grupos

A Xunta fará unha proposta "ambiciosa" sobre o galego e pide consenso entre os grupos

José López Campos, conselleiro de Cultura e Lingua, asegurou que é unha "oportunidade importante", polo que "non é momento de reproches nin de botar en cara nada"

Imaxe de arquivo do conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos (Europa Press) Imaxe de arquivo do conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos (Europa Press)
G24.gal 23/10/2024 20:33

O conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, asegurou que este xoves fará unha "proposta ambiciosa" sobre a lingua galega nas súas reunións cos grupos parlamentarios, aos que pediu "responsabilidade" para chegar a un consenso sobre esta materia.

En resposta ás preguntas do PP e o PSdeG no pleno do Parlamento sobre o galego, considerou que o diálogo que vai abrir para lograr un gran pacto pola lingua é unha "oportunidade importante", polo que "non é momento de reproches, nin de botar en cara nada" sobre a "ruptura do consenso lingüístico".

Hai unha semana, López Campos falou sobre o pacto pola lingua e dixo que "todos teremos que deixar algo das nosas posicións para chegar a un acordo".

Así que, ante as críticas da oposición por se a Xunta inicia estes encontros por "estratexia política ou en busca dunha foto", dixo "terminantemente que non", porque ademais non teñen que buscar ningún tipo de "lexitimidade" neste sentido, xa que o seu modelo de política lingüística está "referendado" pola vitoria por maioría absoluta nas urnas.

Para os orzamentos autonómicos de 2025, avanzou un incremento dun millón de euros no diñeiro destinado aos colectivos de neofalantes e para as medidas que poidan saír do novo pacto para actualizar o Plan de Normalización Lingüística.

López Campos insistiu en que a chegada de 115.000 persoas de fóra de Galicia fan necesario que haxa que actualizar a normativa lingüística a estes novos "factores demográficos", así como que agora "cambiou e modelo de transición da lingua" de maneira que antes eran as familias e agora son as escolas.

Tamén dixo que Galicia non ten que parecerse a ninguén e non "envexa" nin o modelo catalán nin o vasco, xa que os datos mostran que é na comunidade galega onde a poboación galega conta con máis competencias nunha das linguas cooficiais.

O conselleiro considera que isto quedou acreditado no último informe sobre uso da lingua propia do Instituto Galego de Estatística (IGE) que apuntan que "o coñecemento do galego está garantido e segue tendo unha presenza social moi relevante con altas taxas no que se refire aos niveis de competencias".

A deputada do PSdeG Silvia Longueira dixo que o problema co galego "non existía" e foi o PP o que rompeu o consenso lingüístico "axitando a lingua" cando viron en 2009 que "podían sacar réditos políticos", polo que reclamou volver "á situación de partida" de antes do Decreto do Plurilingüismo que a Xunta aprobou en 2010.

Longueira acusou a Xunta de "practicar a glotofaxia", o xenocidio lingüístico co obxectivo de provocar a desaparición da lingua dunha determinada cultura, e denunciou o "acoso e derruba" contra o galego dos últimos 15 anos, cuxo último chanzo é a supresión, na lei de acompañamento dos orzamentos, do deber de que o funcionariado da Administración galega fale e escriba en galego.

Esta decisión "non parece que sexa unha boa maneira de comezar a falar sobre a nosa lingua", dixo en referencia á reunión de mañá co conselleiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade