Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta fixa un calendario para desenvolver a lei do litoral e esixe medios ao Goberno

A Xunta fixa un calendario para desenvolver a lei do litoral e esixe medios ao Goberno

O Executivo galego aposta por "impulsar de inmediato" a súa aplicación tras o aval do Constitucional

Galicia é a primeira comunidade autónoma en regular por lei "a xestión de toda a súa franxa costeira, incluído tamén o mar territorial"

G24.gal 29/04/2024 16:49 Última actualización 29/04/2024 18:20

Tras o aval do Tribunal Constitucional á Lei do Litoral de Galicia, a Xunta pretende actuar con "máxima axilidade" e "impulsar de inmediato a aplicación efectiva" desta norma, para o que aprobou este luns un calendario de pasos a seguir. 

Volveu reclamar ao Goberno central "o traspaso dos medios humanos e materiais necesarios para poder realizar unha xestión efectiva do litoral desde Galicia". Así o dixeron tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta.

"Estivemos moitos meses parados sen razón e inxustamente. Por tanto, agora o que procede é recuperar ese tempo perdido e poñer en marcha todo o necesario para que se poidan desenvolver as competencias recoñecidas na Lei do Litoral", dixo Alfonso Rueda.

Ángeles Vázquez lembrou que a lei foi aprobada no Parlamento galego en xullo de 2023 "sen ningún voto en contra" e convértese "na primeira comunidade en regular por lei a xestión de toda a súa franxa costeira, incluído tamén o mar territorial".

O primeiro que se fará desde a Xunta, indicou a conselleira, é pedir ao Goberno "os medios humanos e materiais necesarios para poder realizar unha xestión efectiva do litoral desde Galicia". Segundo Vázquez, o desenvolvemento desta norma require "contar cos profesionais suficientes para que realicen múltiples tarefas" como tramitar as concesións en dominio público marítimo terrestre.

O desenvolvemento da lei require da creación de órganos específicos como unha Comisión de Coordinación do Litoral para poñer en contacto a todos os departamentos implicados na materia.

"Ao mesmo tempo, crearemos o foro do litoral de Galicia, con presenza dos distintos sectores implicados na costa", avanzou a conselleira.

A Xunta aposta por redes e asociacións para transmitir coñecemento no ámbito do mar e por medidas para avanzar na planificación do litoral: "desde seguir colaborando cos grupos de acción costeira ata impulsar e aprobar o crecemento sostible dos sectores vinculados ao mar", dixo Vázquez en referencia á estratexia de economía azul.

A conselleira lembrou que a lei tamén inclúe medidas para "poñer en valor os 2.500 quilómetros de costa" que ten Galicia, coa creación dunha rede de carreiros costeiros e dun catálogo de bens culturais do litoral, así como dunha rede de establecementos turísticos.

"En definitiva, trátase de garantir o equilibrio entre a conservación do litoral e as actividades socioeconómicas arraigadas e propias do litoral", finalizou Ángeles Vázquez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade