Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta insiste en que se actúe no mar e a oposición pídelle asumir responsabilidades

A Xunta insiste en que se actúe no mar e a oposición pídelle asumir responsabilidades

A vicepresidenta segunda da Xunta, Ánxeles Vázquez, volve responsabilizar o Goberno central polo atraso nas actuacións pola vertedura de pellets

O PSdeG pide dimisións ou cesamentos dos responsables da Xunta e o BNG crítica que Alfonso Rueda non dea explicacións

G24.gal 12/01/2024 14:26 Última actualización 12/01/2024 14:46

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, responsabilizou ao Goberno central da marea de pellets por non "evitar" a súa chegada ás costas cunha "actuación rápida" o 8 de decembro, e insistiu en que se recollan no mar, dentro da súa competencia.

Na súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, sobre a vertedura de granulados nas costas galegas, reclamou tamén a actuación de persoal en terra, no prazo de antes de 12 horas comprometido por parte do Goberno, ante a previsión de "mar revolto nas próximas horas" e mesmo nivel amarelo.

"Unha actuación rápida o día 8 podería evitar que os pellets chegasen ás nosas praias ou polo menos reducir a cantidade", asegurou Vázquez, en referencia á data na que Portugal comunicou a España a perda de contedores do buque Toconao, á vez que afirmou que aínda un 90 % dos sacos seguen no mar.

Sobre o dispositivo posto en marcha pola Xunta, Vázquez informou de que hai unhas 300 persoas traballando en 55 praias de 32 municipios entre Nigrán e Ribadeo e anunciou que vai constituír un comité de expertos para vixiar os efectos dos granulados a longo prazo, aínda que reiterou que "non hai problema de ecotoxicidade".

O PSdeG pide cesamentos e o BNG critica a ausencia de Rueda

O PSdeG reclamou este venres o cesamento da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pola xestión da marea desta vertedura.

Para o deputado do PSdeG, Julio Torrado, a actuación tanto da conselleira de Medio Ambiente, que actuou como unha "hooligan", como o de Mar, que é "unha contradición en si mesmo", deben "dimitir ou ser cesados automaticamente", porque considera que eludiron a súa responsabilidade fronte á vertedura destes granulados, tras a perda de contedores polo buque Toconao.

A voceira do BNG, Ana Pontón, recriminou a ausencia de Alfonso Rueda nesta reunión parlamentaria e acusouno de "mentir" á cidadanía, ademais de lamentar o "pim, pam, pum" entre a Xunta e o Goberno central, aos que pediu que se poñan a traballar "man a man" e ofreceu "toda a colaboración do BNG" para afrontar esta situación.

Ponton asegurou que a Xunta volveu a aplicar "o infame protocolo de actuación do Prestige", de "ocultación, mentira, manipulación e incompetencia".

Pola súa parte o voceiro do PPdeG no Parlamento, Pazos Couñago, cargou contra a oposición por difundir o que definiu como "bulos" relacionados con esta vertedura e insistiu na necesidade de que se recuperen sacos de granulados no mar, repasando os datos dos que puideron rescatar ata o de agora.

Ánxeles Vázquez concluíu pedindo, entre outras cousas, que "deixen de comparar co Prestige". A vicepresidenta da Xunta quixo poñer en valor o traballo que se está facendo e foi rotunda ao asegurar que a administración galega actuou con total dilixencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade