A Xunta manterá a súa bonificación de autobuses e pide ao Goberno deixar "batallas partidistas"
A Xunta manterá a súa bonificación de autobuses e pide ao Goberno deixar "batallas partidistas"
A Administración autonómica garante ata fin de mes o desconto do 50 % e a bonificación do 20 % "durante 2025"
Que pasa cos descontos do transporte e as pensións a partir deste xoves?
A Xunta informou de que manterá a bonificación ao transporte público interurbano, tras ser rexeitado onte mércores no Congreso o decreto para renovar as axudas ao transporte do Goberno, ao que pide "certezas" e que non utilice aos usuarios "nas súas batallas partidistas".
Segundo informou este xoves o Goberno galego, manterá ata finais de mes a bonificación total da tarifa ata o 50 %, que corresponde ao seu 20 % de desconto e ao 30 % do Executivo central.
E espera que nestes días que quedan de xaneiro, o Goberno de Pedro Sánchez "transmita certezas ás persoas usuarias do transporte público e non as utilice dentro das súas batallas partidistas".
En todo caso, desde a Xunta aseguran que se o Ministerio de Transporte "non soluciona o seu parte", desde febreiro seguirá garantida a bonificación do 20 % que lle corresponde ao Goberno autonómico "durante 2025" e ata a implantación dunha área única de transportes de Galicia.
Esta bonificación do 20 % aplícase nos autobuses interurbanos, no transporte da ría de Vigo e no tren da área de Ferrol.
A futura Área de Transportes de Galicia, que será única para toda a comunidade, supoñerá estender as vantaxes das áreas de transporte metropolitano, de maneira que os transbordos sexan gratuítos en todas as viaxes.
A Xunta lembra que hai outros descontos autonómicos no transporte interurbano como a redución do 10 % sobre a tarifa en efectivo, descontos adicionais do 15 % para usuarios recorrentes, e ata o 50 % para familias numerosas, así como transbordos gratuítos dentro das áreas de transporte metropolitano.
Ademais, hai 60 viaxes gratis ao mes para menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova e para os maiores de 65 anos coa tarifa +65.